En Marea pregunta polo custo e o obxecto do despregue policial en Catalunya

Publicado por o día 27/09/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea pregunta polo custo e o obxecto do despregue policial en Catalunya

O deputado de En Marea, Antón Gómez-Reino, xunto aos deputados Marcelo Expósito e Xavier Domènech, rexistraron varias preguntas sobre o envío de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado en Cataluña para reforzar a presenza policial de cara a impedir o referendo convocado para o día 1 de outubro.

“En resposta á convocatoria dun referendo promulgado polo Govern da Generalitat de Catalunya, o Goberno de España vén alentando unha xudicialización e unha policialización do que en esencia consiste nun conflito político que, como tal, debería afrontarse mediante o diálogo entre institucións e forzas políticas, e ao que se debería dotar dunha canle de resolución democrática”, sinala o deputado.

Ante esta situación, En Marea pregunta o número de efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado despregados en Cataluña de xeito extraordinario desde o pasado 6 de setembro e o custo deste dispositivo, e se pode repercutir na redución de outras partidas orzamentarias.

Neste contexto, este grupo tamén quere coñecer de onde proveñen cada unha das ordes de rexistro polas cales as forzas policiais “irromperon ou intentaron irromper en varias sedes institucionais da Generalitat, sedes de partidos políticos como a da CUP e entidades privadas como medios de comunicación ou imprentas”.

En Marea mostra a súa preocupación pola falta de garantías na defensa do dereito de reunión e de expresión, polo que inquire ao Executivo a especificar as medidas que ten previstas para garantir estes dereitos en Cataluña e no resto do Estado, “baixo este estado de excepcionalidade policial no que parece estar someténdose a Cataluña”.

Finalmente, En Marea pregunta ao Goberno polo traslado a Cataluña do camión antidisturbios dotado con mangueiras de auga que foi adquirido en 2013 con motivo da promulgación da denominada ‘Lei Mordaza’, e que nunca antes foi utilizado desde a súa adquisición.

“Considera o Goberno que a situación da orde pública en Cataluña require de semellante instrumental antidisturbios, tendo en conta de que durante os últimos oito anos, as manifestacións multitudinarias que en Cataluña tiveron lugar reclamando o dereito a decidir non produciron ningún tipo de alteración da orde pública reseñable?”.