En Marea pregunta á Xunta pola súa postura fronte ao proxecto de Porto Cabral

O conselleiro trasladou a responsabilidade ao Concello de Vigo sen responder ao carácter supramunicipal da decisión do cambio do monte nin adiantar que fará a Xunta neste caso.
Publicado por o día 13/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea pregunta á Xunta pola súa postura fronte ao proxecto de Porto Cabral

O voceiro de En Marea, Luís Villares preguntou no pleno do Parlamento de Galicia ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria sobre a postura que terá a Xunta de Galicia fronte ao proxecto de Porto Cabral, en Vigo, que pretende transformar un espazo comunal nun centro comercial de grandes dimensións. Este proxecto conta coa oposición dos veciños.

Francisco Conde negouse a contestar asegurando que a Xunta respaldará as decisións que tome o Concello de Vigo. O conselleiro negouse a responder ao voceiro sobre o carácter supramunicipal que poder ter a decisión do cambio de consideración do monte.

A pregunta realizada ao conselleiro foi: Que posición ten previsto adoptar o Goberno Galego para garantir que o ámbito de Liñeiros, presente no anterior PXOM de Vigo e anulado no 2008, vai ser protexido da especulación urbanística e dedicado ao seu uso rústico, consorte coa súa natureza quedando fóra de calquera cualificación de uso residencial, comercial, industrial ou calquera outro que modifique esa condición?

No pleno, Luís Villares defendeu  a situación dos veciños recapitulando a historia do proxecto: en febreiro de 2013 os directivos do fondo de inversión Eurofund, Ian Sandford e Salvador Arenere, reúnense co conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia e posteriormente co alcalde de Vigo, Abel Caballero, co obxecto de recabar apoios para PortoCabral, o macrocentro comercial que supostamente proxectan desenvolver en Liñeiriños, Vigo, ocupando uns 300.000 metros cadrados de monte comunal.

A receptividade e valoración positiva tanto da Xunta como do Concello de Vigo a PortoCabral son recollidas naquela altura na prensa, así como o total e sospeitoso entendemento coa directiva da comunidade de montes de Cabral a pesar de que o proxecto supuña a práctica eliminación da maior parte do monte comunal na parroquia.

Para ese fin era necesario o posicionamento da asemblea de comuneiros e comuneiras, cousa que se produce en novembro de 2013, onde por 344 votos en contra e 297 votos a favor o proxecto foi rexeitado a pesar dos sucesivas tentativas da Xunta rectora de levalo adiante. De saír adiante, Eurofund xustificaría a utilidade pública e faríase cos terreos, que deberán saír a concurso público tras ser expropiados polo concello.

A premura por parte tanto do Concello coma de Eurofund para conseguir que os comuneiros de Cabral aprobasen naquela altura canto antes a expropiación dos terreos facíase patente nas súas intervencións recollidas na prensa, onde se chega a falar da creación de 5000 postos de traballo grazas a PortoCabral (as cifras a este respecto varían segundo a ocasión pero en todo caso superan sempre en varios miles calquera cifra crible), mencionábase o interese de todo tipo de marcas con grande aceptación coma Ikea ou Primark polo proxecto, sen dar en ningún caso ningún tipo de confirmación por parte de devanditas firmas que puidera facer cribles estas afirmacións, e incluso se fala da construción dun lago con olas e dunha pista de neve artificial pero sen referencias concretas que fagan pensar na existencia dun anteproxecto sólido.

Compre salientar que en ningún momento, nin dende a Xunta nin dende o Concello, nin dende Eurofund, se transmite aos veciños de Cabral, nin ao resto da cidadanía, ningunha información concreta sobre o proxecto, a pesares de ser solicitada en varias ocasións. Nin planos, nin anteproxecto, nin os requiridos estudos de viabilidade e impacto ambiental. Nada. Pretendíase que os comuneiros de Cabral aprobaran en asemblea a expropiación do monte para a realización dun proxecto do que ninguén tiña (nin ten a día de hoxe) ningún tipo de coñecemento nin dato fiable enriba da mesa.

A anulación do PXOM de Vigo no 2015 supuxo un revés para o proxecto xa que, sen planeamento, as expropiacións contidas no ámbito e o proceso de urbanización complicábase polo que para gran parte da sociedade viguesa o proxecto de PortoCabral morría co plan anulado. Nada máis lonxe da realidade.

As sucesivas medidas promovidas improvisadamente pola Xunta de Galicia para paliar os efectos da anulación do PXOM en Vigo dende a tentativa de modificar a nova Lei do solo mesmo durante o seu trámite parlamentar ate a final decisión de artellar unha lei específica de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia o excepcional interese, pasando pola Lei de acompañamento aos Orzamentos do 2017 para darlle percurso a determinados ámbitos urbanísticos contidos nos PXOM ́s anulado en cidades e vilas, non clarifica se determinados proxectos como o de Porto Cabral poden ser reais en base a esta sorte de planeamento especial e mesmo temporal.

Vigo é agora mesmo unha cidade saturada por centros comerciais presentes ou futuros como o que a propia ADIF artella na estación intermodal de Urzáiz, con un aumento importante mesmo de peches de comercios dentro das áreas comerciais existentes. A apertura dun macrocentro de ocio e comercio destas características nas aforas da cidade funcionaría, xa non só como destrutor de pequeno e mediano comercio, senón tamén como barreira disuasoria para a entrada de miles de clientes potenciais na propia cidade. Esta circunstancia fai que resulte contraria ao interese xeral a declaración no ámbito de Zona de Afluencia Turística a efectos da aplicación do réxime especial de horarios.