En Marea preguntará pola investigación da Xunta en relación ás denuncias por presunto maltrato no centro de menores Hogar San José

O grupo realizou unha visita ás instalacións do centro esta mañá para coñecer in situ a situación.
Publicado por o día 26/01/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea preguntará pola investigación da Xunta en relación ás denuncias por presunto maltrato no centro de menores Hogar San José

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, e a deputada Paula Vázquez Verao, realizaron unha visita esta mañá ao centro de menores Hogar San José de Vigo. O grupo parlamentario ten previsto ir visitando os distintos centros públicos de política social do país, sendo este o primeiro en visitar a tenor das denuncias de presunto maltrato ou trato incorrecto aos residentes no centro presentadas a finais do ano pasado. Eva Solla lembrou que xa naquel momento o grupo instou ao Conselleiro a aclarar o sucedido e ten rexistradas distintas preguntas ao respecto pero se consideraba adecuado visitar as instalacións do centro para coñecer in situ a situación pese a saber que estes mozos non están xa no centro ao ser trasladados por Menores a outros centros da Comunidade autónoma.

No relativo ao estado das instalacións, Eva Solla indicou que “en principio non teñen ningunha carencia máis da que pode ter un centro público pero si preocupa que a pesar de que as denuncias tiveron lugar en outubro de 2016, a Consellería non teña aínda ningún informe sobre o sucedido“.

Por este motivo, as deputadas de En Marea anunciaron que trasladarán á comisión de Sanidade e Política Social o tema para que sexa a Xunta a que aclare realmente que acontecía no centro e se tomaron algún tipo de medida correctiva independentemente da decisión de trasladar aos menores.