En Marea presenta coa Protectora de Animais do Camiño de Santiago 88.250 sinaturas no Parlamento reclamando un refuxio en Arzúa

Publicado por o día 29/07/2017 na sección de A Coruña,En Marea,Galicia,Política

En Marea presenta coa Protectora de Animais do Camiño de Santiago 88.250 sinaturas no Parlamento reclamando un refuxio en Arzúa

Asociación Protectora de Animais do Camiño (APACA) presentou esta mañá no Rexistro do Parlamento 88.250 sinaturas para reclamar un refuxio de acollida para animais abandonados en Arzúa, vila na que esta entidade desenvolve o seu traballo. Entenden que a Consellería de Medio Ambiente e a entidade Xacobeo debería asinar un protocolo coas Deputacións e os concellos para construír este centro de acollida.

A voceira da Protectora, Raquel Freiría, lembrou que “ao longo de todo o Camiño de Santiago en Galicia carecemos de ningún tipo de protocolo nin refuxio de recollida de animais abandonados”. APACA recolle ao redor de 130 animais cada ano só no municipio de Arzúa e aseguran que os números son similares en Melide e O Pino, “pois a maioría son cans soltos que seguen a peregrinos e acaban abandonados nas últimas etapas”.

O deputado de En Marea Francisco Casal acompañou aos representantes da entidade durante a presentación de sinaturas no rexistro e xa adiantou que En Marea presentará unha proposición non de lei instando á Xunta a que resolva “de maneira urxente” este problema “pois os animais abandonados dan moi mala imaxe do Camiño de Santiago”.

As sinaturas tamén foron presentadas esta mesma semana no concello de Arzúa e a protectora está en conversa cos concellos de Melide, Boimorto e O Pino, para que se sumen á demanda.