En Marea presenta iniciativas para denunciar a masificación das Illas Cíes

Publicado por o día 04/09/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea presenta iniciativas para denunciar a masificación das Illas Cíes

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou este luns as iniciativas rexistradas no Congreso relativas á extrema masificación do Parque Nacional das Illas Atlánticas, a sobreventa de pasaxes por parte das empresas navieiras e a non intervención do Padroado do Parque Nacional de Illas Atlánticas.

“O cupo do Parque das Illas Atlánticas chegou a duplicarse; primando o descontrol, a falta de vixilancia e unha masificación extrema”, denunciou a parlamentar de En Marea nunha rolda de prensa en Vigo.

A deputada destacou que “a sobrevenda de billetes dende 2011 nunca se abordou nas reunións do Padroado ante a constante vulneración ano por ano”.

“É coñecedor o Goberno como membro do Padroado do Parque Nacional de Illas Atlánticas da masificación do parque que se leva producindo nos últimos seis anos? Coñece a situación extrema que se produciu no mes de agosto cando as empresa navieiras venderon o dobre de billetes do permitido?”, pregunta En Marea.

A parlamentar detallou que o grupo no Congreso quere saber as consideracións que fai o Goberno da escandalosa sobreventa de billetes ás Illas Cíes.

“Nos últimos seis anos, cantas veces se reuniu o Padroado do Parque Nacional de Illas Atlánticas no que o Goberno ten 5 representantes? Abordouse nalgunha destas reunións a sobrevenda de billetes e a constante masificación das illas, moi superior ao cupo permitido de 2.200 visitantes por día?”, inquire.

Ademais, a deputada rexistrou varias preguntas sobre o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional de Illas Atlánticas.

“A lexislación tanto estatal como as propias competencias da Xunta na xestión deste Parque Nacional non se están cumprindo porque a estas alturas, 15 anos despois da súa declaración como Parque Nacional carece aínda do preceptivo Plan Reitor de Uso e Xestión”.

A deputada pregunta se o Goberno é consciente de que o único Parque Nacional que ten Galiza carece deste Plan e se ten previsto dialogar coa Xunta para a súa presentación.

Fernández insiste en que fai falta un estudo riguroso por parte de xente experta para establecer un cupo, tamén nas Illas Ons.

“A alternativa das navieiras non foi seria”, insistiu a deputada, que pediu que se tomen “medidas de maior firmeza e contundencia se se pretende que non continúen estas lamentables situacións nas Cíes”.