En Marea presenta na biblioteca central de Vigo as medidas para garantir o acceso á educación de todas as galegas e galegos.

Os candidatos Juan Merlo e Julia Torregrosa calificaron a situación como “de gran emerxencia” e apostaron por un incremento orzamentario en materia educativa, garantindo o acceso do alumnado aos estudos superiores e unha nova política de bolsas que teñan en conta os criterios de renda familiar e distancia ao centro de estudos, entre outros.
Publicado por o día 21/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,En Marea,Vigo

En Marea presenta na biblioteca central de Vigo as medidas para garantir o acceso á educación de todas as galegas e galegos.
En Marea tamén aposta pola dignificación do profesorado mediante a fixación de plantillas e reducindo a ratio de alumnos por clase.
En Marea achegouse na mañá de hoxe mércores ata a rúa Joaquín Yáñez, no Casco Vello de Vigo, que alberga a biblioteca municipal central. Ata alí se desprazaron o número catro pola provincia, Juan Merlo, e a número sete, Julia Torregrosa, para presentar algunhas das medidas do programa electoral da formación nesta materia. O acto deu comezo pouco despois das dez e media da mañá e congregou ao redor dunha vintena de persoas, as que se sumaron numerosos paseantes.
Os candidatos apostaron por unha mellora progresiva do sistema de ensino galego, máis concretamente no tocante á universidade, onde a formación propón un incremento paulatino dos recursos públicos, que concretaron nunha suba dun dous por cento anual (2%), o que supón un incremento de preto dun 21% ao longo da lexislatura ou, dito doutro xeito, a converxencia coas medias estatais e europea, das que na actualidade Galicia se atopa por debaixo.

Este incremento orzamentario irá acompañado dun plan que garanto o acceso á formación superior, para o que En Marea aposta por unha nova política de bolsas, concedidas en base a criterios de renda e distancia, así como un financiamento suficiente dos títulos de mestrado, coa posibilidade de establecer un programa concreto de bolsas para tal fin.

Os candidatos tamén remarcaron as principais “agresións” contra o sistema educativo que acometeu o goberno do Partido Popular e Núñez Feijóo, entre as que destacaron os recortes orzamentarios que obligaron ao peche de 13 escolas e 64 unidades escolares, algo que “deixou os centros con 1200 profesores menos”, en palabras de Julia Torregrosa, unha cantidade que chegaría case aos 2000 postos de traballo destruídos se se contan tamén os técnicos de atención á diversidade. A candidata tamén se referiu á nula aposta pola conciliación, que deixou a case 3000 nenas e nenos se praza na escola infantil, así como á necesidade de dignificar as condicións de traballo do profesorado interino e substituto, que ascende a case un 20% do total da comunidade educativa e cuxas condicións laborais foron motivo dunha dura sentenza dende o Tribunal de Xustiza da UE.

En Marea aposta por incrementar tres puntos porcentuais o gasto total, pasando dun 4% sobre o PIB galego a un 7%. A formación defenderá tamén a adaptación dos centros educativos á diversidade funcional existente, a supresión das reválidas “porque non aportan valoracións reais do alumno, só etiquetas e selos nos expedientes”, en palabras da candidata.

Outras medidas neste eido inclúen a correcta dotación de medios ás escolas do rural, cunha aposta pola igualdade real, con transporte gratuito e de proximidade, con comedores escolares que garantan que ningún neno ou nena pase fame ou sede, sequera nos períodos vacacionais.