En Marea presenta no pleno os 40 puntos contra o desemprego

Manuel Lago explicou a “anomalía” que supón que mentres todas as comunidades recuperan emprego, Galicia siga de última na lista estatal do emprego.
Publicado por o día 12/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea presenta no pleno os 40 puntos contra o desemprego

Manuel Lago defendeu no pleno do Parlamento de Galicia a estratexia de En Marea contra o desemprego, unha estratexia que ten como centro 40 puntos que teñen como obxectivo “sacar a Galicia da anomalía na que está instalada e que supón que é comunidade con peores datos de emprego. non é que sexa das últimas, é que é última de todas as comunidades”. Antes de presentar as liñas fundamentais da estratexia, Lago sinalou as cifras que sitúan a Galicia no peor lugar de todo o estado.

Entre estas cifras, 136.700 empregos destruídos desde que goberna o PP en Galicia. Tamén se referiu aos 57.000 desempregados máis nese mesmo período “a pesar de que a poboación é hoxe menor que en 2009”. Isto quere dicir, que o desemprego en Galicia aumentou en Galicia un 6,3% mentres que no resto do Estado, só aumento un 0.4%. Estas diferenzas entre o a situación galega e a española é un dos argumentos polo que En Marea considera que é necesario un plan propio para Galicia que cambie a dinámica de desemprego e que mentres o goberno asegura que hai unha mellora na situación económica o desmprego aumenta en Galicia.

 40 propostas concretas para loitar contra o desemprego  

  1. Potenciar os organismos de diálogo e concertación que xa existen, como son o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) dándolles o recoñecemento e os medios para cumprir cos seus obxectivos de acadar acordos en aspectos moi relevantes en materia sociolaboral.
  2. Aumentar e reforzar os recursos humanos e os servizos ofrecidos polo Servizo Público de Emprego.
  3. Redefinir os protocolos de atención ás persoas desempregadas nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia e entidades colaboradoras para garantir unha atención unificada e sen derivacións innecesarias.
  4. Potenciar un sistema de orientación que defina itinerarios profesionais individuais para mellorar a empregabilidade dos traballadores e traballadoras.
  5. Deseñar un modelo de orientación específico para as persoas afectadas por procesos de regulación ou suspensión de emprego ou en procesos de recolocación.
  6. Recuperar os recursos de prospección para a detección de posibilidades de emprego e aumento de ofertas de emprego xestionadas polas oficinas de emprego.
  7. Dotar dun papel protagonista ó Servizo Público de Emprego de Galicia na intermediación laboral fronte á iniciativa privada.
  8. Crear un mapa único e claro para as persoas usuarias de recursos para o emprego, máis aberto, transparente e fácil de empregar para as persoas usuarias.
  9. Reactivar  e mellorar a rede de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local de Galicia así como da rede de Orientadores/as laborais de Galicia.
  10. Redefinir o programa de Obradoiros de Emprego  garantindo  períodos de contratación suficientes para a formación das persoas alumnas/traballadoras dos mesmos.
  11. Redefinir os programas de cooperación garantindo períodos de contratación suficientes para a formación en prácticas das persoas participantes.
  12. Facer fronte á desigualdade nas oportunidades de incorporación e permanencia no mercado laboral e nas condicións de traballo mediante accións de información, sensibilización e detección nas empresas públicas e privadas, así como elevar as partidas orzamentarias destinadas ás políticas de igualdade, en contra do que se ven facendo nos últimos anos.
  13. Desenvolver  lexislativamente  os plans de igualdade, os seus contidos mínimos e a creación dun rexistro dos mesmos.
  14. Promover a empregabilidade de mulleres en postos e sectores onde están infrarrepresentadas así como combater toda forma de discriminación directa e indirecta por razón de sexo na selección, contratación, promoción, formación e clasificación profesional.
  15. Aprobar unha lei de igualdade salarial que permita eliminar a discriminación nas retribucións de homes e mulleres e a creación de mecanismos adecuados e eficaces de control e tutela contra a discriminación salarial.
  16. Elaborar planes de emprego específicos para as persoas que esgotaron a protección por desemprego.
  17. Revisar as ordes de incentivos á contratación indefinida para que fomenten a  contratación indefinida de inicio e eviten o crecemento da temporalidade vinculándose ó incremento do emprego e ó cumprimento de maiores taxas de estabilidade.
  18. Establecer un Programa para a bonificación da Seguridade Social nas empresas que eliminen as horas extras habituais e xeren emprego de persoas menores de 30 anos.
  19. Elaborar e desenvolver plans integrais de emprego que fomenten a empregabilidade dos mozas e mozos, con especial atención aos que teñen menor cualificación profesional, que foron os máis castigados pola crise, e das mulleres, que aínda manteñen unha situación de desvantaxe no mercado laboral.
  20. Converter o Observatorio do Emprego nun verdadeiro instrumento de estudo, seguimento e prospección da evolución do mercado laboral para que os seus traballos orienten as políticas de emprego e formación, co obxectivo de adecualas permanentemente ás necesidades produtivas e sociais.
  21. Artellar as medidas necesarias para facer efectiva a lei que favorece o acceso ao emprego das persoas con diversidade funcional.
  22. Perseguir as prolongacións de xornada irregulares e as horas extras non pagadas e limitar no máximo posible as horas extraordinarias para facilitar a creación de novos empregos.
  23. Acabar coas fórmulas fraudulentas de contratación, dende a utilización de contratos eventuais para cubrir postos de traballo indefinidos, coma os contratos a tempo parcial, que agochan traballos de xornada completa que só se pagan e cotizan parcialmente, pasando por perseguir a sobreexplotación das persoas máis novas, sometidas a becas e formas similares que encobren relacións laborais normais.
  24. Reforzara Inspección de Traballo como instrumento de vixilancia, de loita contra a fraude e de garantía dos traballadores e traballadoras.
  25. Elaborar un mapa da economía irregular en Galicia para detectar a existencia de bolsas de fraude e atender a súa erradicación.
  26. Deseñar medidas para recuperar o talento xuvenil obrigado a emigrar durante a crise.
  27. Impulsar un acordo pola racionalización do horario de traballo que permita conciliar a vida laboral e persoal.
  28. Mellorar a protección ás persoas sen traballo e sen ingresos, ampliando para iso os fondos da renda de inclusión social de Galicia, e chegar a acordos cos concellos para implementar de xeito coordinado una renda social contra a exclusión.
  29. Establecer unha conciliación corresponsable que permita compatibilizar a vida laboral, familiar e persoal con medidas como o establecemento de permisos individualizados e non transferibles para a atención dos coidados, acompañados de medidas económicas e/ou fiscais que incentiven o seu goce e orientar as políticas á consecución da corresponsabilidade real.
  30. Implantar un Pacto contra a violencia de xénero, coa participación de todas as administracións públicas, corpos e forzas de seguridade, axentes económicos e sociais, e demais entidades, organizacións e asociacións especializadas, para coordinar e fortalecer a loita contra a violencia de xénero a fin de erradicala definitivamente.
  31. Apoiar as persoas que traballan por conta propia, especialmente as denominadas dependentes que teñen unha relación mercantil cando en realidade a súa vinculación coa empresa para a que traballan é realmente laboral.
  32. Promover a creación de emprego directo e indirecto por parte da Administración autonómica potenciando os servizos públicos que son xestionados directamente.
  33. Desenvolver en Galicia os contidos do Acordo para a mellora do emprego público asinado polas organizacións sindicais o Goberno do Estado en materia de oferta de emprego público e redución do emprego temporal.
  34. Aprobar Planes de Emprego Público negociados coas organizacións sindicais nas diferentes administracións.
  35. Axudar a contratación das persoas en risco de exclusión social, contratándoas directamente en programas específicos polas administracións públicas en traballos socialmente necesarios e tamén chegando a a cordos con empresas que presten servizos ao sector público.
  36. Incluír nos pregos de condiciones dos contratos públicos a obrigatoriedade para as empresas contratadas ou subcontratadas de cumprir a normativa laboral, incluídos os convenios colectivos e a subrogación das obrigas laborais e de seguridade social do anterior titular, incluíndo os compromisos de pensións.
  37. Redefinir os programas de formación para o emprego para incorporar a demanda e necesidades do mundo empresarial  nos mesmos pero prestando especial atención as PEMES, ILES; empresas innovadoras e empresas de economía social na definición dos seus obxectivos.
  38. Converter os Centros Integrados de Formación Profesional de titularidade pública nunha rede pública que canalice a formación para o emprego financiada con fondos públicos. Adaptar á nosa realidade o decreto estatal que os regula.
  39. Establecer unha regulación autonómica da FP dual para favorecer a súa utilización e garantir o acceso universal e en condicións de non discriminación.
  40. Implantar un novo Plan de Formación Profesional, coa participación das organizacións sociais mais representativas, que estableza os eixos estratéxicos de actuación —e as medidas concretas que os desenvolvan— para avanzar cara a un sistema integrado de formación profesional de calidade e con capacidade para adaptarse ás necesidades cambiantes da nosa estrutura produtiva e ás demandas de cualificación dos galegos e galegas. A formación dirixida á obtención á obtención de certificados de profesionalidade debe responder tanto ás necesidades do mercado de traballo e como á demanda dos traballadores e traballadoras.