En Marea presenta a súa candidatura para as Eleccións Xerais do 26X

Publicado por o día 07/06/2016 na sección de Elecciones 26J,En Marea,Política

En Marea presenta a súa candidatura para as Eleccións Xerais do 26X

O Porto de Palmeira en Ribeira acolleu esta mañá a presentación da candidatura de En Marea para as vindeiras eleccións xerais do 26 de xuño e que como destacaron os candidatos e candidatas, dará o impulso definitivo a En Marea para lograr que o necesario goberno do cambio.

Trala presentación, de Sara Outeiral de Nós A Pobra, tomou a palabra o cabeza de lista por Ourense, David Bruzos, que reivindicou o carácter colectivo de En Marea. “Toda a xente que estamos aquí poñémoslle cara a un movemento moito máis amplo e diverso que bebe das mareas municipalistas e de moitos máis proxectos de activismo nos que participamos as persoas que estamos en En Marea. No 15M dicíannos que abandonaramos as prazas e que nos presentaramos ás eleccións e aquí estamos”, reivindicou Bruzos.

Yolanda Díaz, n.2 pola Coruña, reivindicou a galeguidade de En Marea e o carácter pioneiro de Galicia nos movementos rupturistas de confluencia. “O noso ADN ten o sinal de identidade da plurinacionalidade, que é un espazo de construción de convivencia. Sabemos que o novo tempo político é plurilingüe. Imos cara adiante sabendo que o cambio é imparable, que comezou en Galicia e que hai marea contra o capitalismo”.

Miguel Anxo Fernán Vello, que comezou cunhas palabras de homenaxe a Méndez Ferrín, dixo que “estamos En Marea para levar a cabo a defensa inquebrantable de Galicia, da súa cultura e do seu idioma. Somos unha forza para o cambio real. Sentimos un gran orgullo como galegos e galegas. Galicia precisa dunha gran voz en denfesa do país, que sume e que multiplique”.

Pola súa parte, a candidata ao Senado por Pontevedra, Vanessa Angustia, manifestou que “estamos aquí para facer unha nova política traballando cos colectivos, estaremos sempre enlazando coas rúas, onde está o noso verdadeiro compromiso. De aí trasladaremos as súas peticións ás institucións”.

Na presentación, a número 2 por Pontevedra, Ángela Rodríguez, destacou o traballo xa desenvolvido polo grupo de deputados e deputadas de En Marea no Congreso durante estes últimos meses grazas ao que xa se logrou impulsar medidas para “que Ence e Reganosa estivera fora da ría, lograr un reparto máis xusto para o cerco, máis xustiza no accidente do Alvia, paralizar a Lomce…”. “Por nós este país sería xa diferente, xa sería un país para o 99 por cento” afirmou Alexandra Rodríguez quen rematou asegurando que “este 26 de xuño asaltaremos o Congreso e lograremos por fin que este país sexa xa diferente”.

O número 1 pola Coruña, Antón Gómez Reino, insistiu en que “se xa na anterior campaña dicíamos que o cambio non hai quen o pare, esta vez si está máis que demostrado que é así, non hai quen o vaia a parar”. “As Mareas somos as protagonistas” manifestou e interpelou directamente ao PSOE para saber se continuará a apostar por Ciudadanos ou,” unha vez En Marea dea o sorpasso”, apoiará por fin un goberno do cambio real.

A número 1 por Pontevedra, Alexandra Fernández, quixo destacar a situación actual lembrando que “se hai algo difícil son os momentos de cambio e na vida política pasa o mesmo”. Por este motivo, animou á cidadanía a volver a apoiar a En Marea e dar un impulso aínda maior. “Non foi suficiente cos resultados extraordinarios pero temos segunda oportunidade para redobrar esforzos e demostrar que o cambio vai vir da man de En Marea. Só pode haber un cambio político se as forzas de cambio somos maioría superando o tampón do PSOE, sumar cada vez máis a este proceso que se ten que construír con moitas mans. Temos que ter unha pata nas institucións pero tamén na rúa cun músculo potente que faga desta Marea cada vez maior”. Así, o obxectivo de ter un grupo parlamentario propio “para defender o noso país e a nosa xente” se poderá conseguir se En Marea conta coa forza da xente e fará que isto sexa posible. “Xa demostramos que somos a voz da nosa xente no Congreso e seguiremos con interlocución directa coa xente na rúa, traballando man a man, un proceso de acumulación de forzas real que logrará un cambio nas institucións que virá da xente e da rúa” concluíu.

O candidato ao Senado por En Marea, José María Buitrón, pechou o acto de presentación da candidatura sinalando a necesidade non só de impulsar a En Marea no Congreso dos Deputados senón tamén despois das xerais cos ollos postos xa nas eleccións autonómicas nas que En Marea logrará por fin dotar ao noso país dun “goberno galego que dea seguridade a os nosos maiores, que se preocupe de xeito real do traballo dos desempregados, que defenda e mire polos nosos mozos e mozas, un goberno galego que mire cara abaixo, que mire pola cidadanía…”. Por todo isto concluíu “pedimos a vosa confianza, porque nós confiamos en vos e vos aseguramos que non imos fallar”.