En Marea presenta unha iniciativa para elaborar un plan de atención a persoas sen fogar que garanta o seu dereito a unha vivenda digna

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, lamentou que o Goberno galego non se molestara en deseñar unha estratexia específica para este colectivo pese a ser Galicia unha das comunidades con maior taxa de persoas sen fogar en relación co número total de habitantes.
Publicado por o día 29/06/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea presenta unha iniciativa para elaborar un plan de atención a persoas sen fogar que garanta o seu dereito a unha vivenda digna

O grupo de En Marea no Parlamento de Galicia defendeu hoxe en comisión unha proposición non de Lei orientada a mellorar a atención ás persoas sen fogar en Galicia e garantirlles o dereito á unha vivenda digna. A iniciativa de En Marea recolle a proposta de deseñar e redactar unha estratexia galega de atención a persoas sen fogar e transeúntes, que garanta a coordinación e corresponsabilidade entre a administración autonómica e as administracións locais e coas entidades sociais que traballan neste ámbito. Así mesmo, insta ao Goberno galego a realizar un estudo actualizado sobre as persoas sen fogar en Galicia para sustentar dita estratexia. De cara a traballar na liña de cumprir co dereito fundamental das persoas a ter unha vivenda digna, En Marea propón dotar dun parque de vivendas de titularidade autonómica destinado a este fin seguindo o modelo Housing First, unha aposta innovadora orientada a facilitar vivendas accesibles e con carácter permanente á persoas en fogar en peor situación. Este modelo está xa en marcha noutras partes do Estado como Málaga, Barcelona ou Madrid entre outros municipios.

O grupo parlamentario solicita tamén elaborar un plan integral de atención á saúde física e psicosocial das persoas sen fogar e transeúntes no marco dun necesario Plan Estratéxico de Saúde Mental. E por último, deseñar e dotar dos Centros de Atención Integral 24 horas a estas persoas nas sete cidades galegas, de xeito corresponsable coa administración local e procurando a colaboración con entidades sociais que traballan neste ámbito.

A deputada de En Marea no Parlamento, Paula Vázquez Verao, lembrou na súa intervención na comisión parlamentaria desta tarde que o dereito a vivenda ven recollido na Declaración Universal de Dereitos Humanos e na propia Constitución Española que no seu artigo 47 fala do dereito a unha vivenda “digna e adecuada”. En Galicia pese a ter dentro do contexto do Estado español, unha das maiores taxas de persoas sen fogar en relación a poboación total co 8,2 por cento das persoas sen fogar de todo o Estado, nunca se reflexionou nin deseñou ningunha estratexia ou plan de atención a este colectivo, unicamente existe un informe do Valedor do Pobo do ano 2010. A suposta recuperación económica tan repetida polos gobernos do Partido Popular deixa a marxe a boa parte da poboación como destacou a deputada de En Marea co 25.4 por cento da poboación galega en risco de pobreza o pasado ano.

En Marea considera que as políticas públicas da Xunta de Galicia deben ir encamiñadas a eliminar as causas da exclusión social e promover políticas activas de inclusión para as persoas sen fogar e transeúntes por seren persoas que non se radican nun único municipio, deben ir encamiñadas a eliminar as causas da exclusión social e a promover políticas activas de inclusión para as persoas sen fogar, centradas na persoa e rexeitando medidas paternalistas, así como aplicar medidas de urxencia para garantir o dereito á vivenda.

Vázquez Verao denunciou así mesmo as distintas actuacións desde algúns medios de e mesmo organismos e personalidades públicas, como a propia Valedora do Pobo, que teñen contribuído a estigmatizar ás persoas sen fogar, coa divulgación de datos persoais e imaxes sen consentimento de persoas sen fogar, vulnerando os seus dereitos fundamentais, actitudes que foron censuradas tanto polo Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia como polo Colexio de Xornalistas.

Por este motivo, o grupo de En Marea presentou esta proposición non de Lei na comisión parlamentaria desta tarde que foi rexeitada cos votos en contra do PPdeG, malia que todos os grupos da oposición votaron a favor.