En Marea presenta unha iniciativa instando ao Goberno do Estado ao mantemento dos postos de traballo de Ferroatlántica en Cee

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e o deputado no Parlamento Francisco Casal, deron conta a iniciativa presentada e denunciaron a actitude cómplice da Xunta de Galicia que está a permitir os enganos e falsidades da empresa para tratar de xustificar a autorización ilegal de segregación.
Por o 04/07/2017 | Sección: En Marea,Política
En Marea presenta unha iniciativa instando ao Goberno do Estado ao mantemento dos postos de traballo de Ferroatlántica en Cee

En Marea asegura que a Xunta de Galicia estase deixando enganar de xeito cómplice pola empresa Ferroatlántica que sabedora de que a segregación das centrais eléctricas é ilegal está a impulsar todo tipo de manobras ilegais e falsas para lograr o seu obxectivo. A empresa trata de defraudar os intereses xerais do noso país mentres que a Xunta de Galicia lonxe de defender a Galicia intúese que unha vez máis se colocará do lado da empresa e contra a cidadanía mobilizada en defensa da dignidade, dos postos de traballo e o futuro da comarca.

O deputado no Parlamento, Francisco Casal, explicou que a empresa Villar Mir despois de que o grupo de En Marea desenmascarase as súas mentiras e falsidades incluídas no informe presentado na Xunta para solicitar a segregación, veuse obrigada a sacar un plan B.

O primeiro plan da compañía tiña tres puntos fundamentais, todos eles falsos ou terxiversacións da lexislación. O primeiro deles tiña que ver coa afirmación de que as centrais non son segundo a centrais rendibles e que están a ser mantidas polas centrais algo “asombroso e desconcertante” como sinalou o deputado de En Marea. “Unhas centrais amortizadas cuns custes practicamente nulos é incomprensible que podan facer esta afirmación que xustifican coa conta de resultados no que o beneficios pasan dos 19 millóns do 2013 a 2 en 2016” como sinalou Francisco Casal que explicou que tras analizar estas contas descubriuse a explicación que non é outra que “unha desviación de beneficios a outras empresas de Villar Mir”. Así atopamos que empresa EVM (Eléctrica Villar Mir) pasou de ingresar 2 millóns a 24 millóns de euros en concepto de explotación das centrais, algo que segundo os cálculos de En Marea facendo comparativa co que se cobra pola mesma xestión noutras empresas similares, non debería pasar de 250.000 euros fronte aos 11 millóns facturados por esta empresa.

Francisco Casal lembrou que os dous préstamos pedidos pola empresa a costa da hipoteca das centrais non tivo repercusión algunha no noso país xa que non se investiu nin un so euro en Galicia pese a ser pagados integramente polas centrais. Outra das escusas da empresa facía referencia a obriga de medir todo o que se vende e todo o que se compra pero non di que se poda facer autoconsumo. En Marea fixo un estudo que reflicte que se apostasen por autoconsumo os gastos sería moitísimo menores.

Prohibición autoconsumo en caso de optar por primas de interrumpibilidade é outra das mentiras da empresa xa que existe un regulamento do Ministerio de Industria que desenvolve como facelo. O autoconsumo di que podería poñer en risco estas primas e polo tanto que as factorías estarían condenadas ao peche contradicindo a suposta altísima rendibilidade a que facía referencia a propia compañía no informe.

“Pensan que só a través da presión política poderían lograr esta segregación unha decisión que sería tombado posteriormente por calquera Tribunal de xustiza” afirmou Francisco Casal.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, asegurou que estamos ante “unha empresa de trileiros que engana á Xunta e un o Goberno galego que se está deixando caer na trampa deixándose enganar ou é directamente cómplice”. Salientou tamén que o plan de investimentos para Galicia so acada 100 millóns moi lonxe dos 250 anunciados ao tempo que salientou que o anuncio da empresa ante o Nasdaq non recolle ningún plan de investimentos senón simplemente rebaixa da débeda polo tanto “a empresa ou está mentido na Bolsa de valores ou a Xunta de Galicia”.

“A última operación da empresa consiste en desagregar esa empresa rexistrándoa como unha empresa diferente para deixar Ferroatlántica so centrais, unha nova trampa” denunciou Villares. O rexistro por parte da empresa antes incluso de ter a autorización do Goberno galego revela que non teñen dúbidas da decisión que virá da Xunta de Galicia. Así mesmo, o voceiro asegurou que non se trata dunha acción inocente senón que o que se busca é sacar as empresas de ferroaleación para posteriormente vender as centrais despois de se desfacer das empresas que a lei impide segregar.

Ante esta nova situación o grupo de En Marea presentou no Congreso dos Deputados unha iniciativa na que se pide:

  • Adoptar medidas legais para impedir a segregación en Ferroatlántica das centrais hidroeléctricas das fábricas de ferroaleacións.
  • Asegurar, conxuntamente coa Xunta de Galicia, a recuperación para o dominio público das concesións hidroeléctricas de xeito que a produción das mesmas siga estando, de xeito primario, ao servizo da produción de ferroaleacións na factoría de Cee se a empresa pretendera levar a cabo dita segregación.
  • Promover as axudas do Estado permitidas pola Unión Europea para permitir a modernización da factoría de Cee mellorando a súa eficiencia así como o aproveitamento hidroeléctricos.
  • Poñer y dispor de todos os medios ao seu alcance para manter os postos de traballo da equipa de traballadores de Ferroatlántica evitando a destrución dos mesmos.

“Nin En Marea cae na trampa nin as traballadoras nin traballadores caen na trampa. Estaremos día 8 na manifestación e apoiamos a marcha que iniciarán mañá desde Cee a Santiago de Compostela. Un pobo que non se resigna a un Goberno que se deixa enganar por unha empresa que financia ilegalmente ao Partido Popular” concluíu o voceiro de En Marea