En Marea presenta unha Lei de Montes para conseguir “un novo modelo forestal e para que ninguén se beneficie dos lumes”

En Marea e o grupo confederal propoñen medidas urxentes para a conservación e xestión sostible de bosques e solos.
Publicado por o día 07/11/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea presenta unha Lei de Montes para conseguir “un novo modelo forestal e para que ninguén se beneficie dos lumes”

O Grupo Confederal Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea rexistrou esta mañá no Congreso dos Deputados a súa Proposición de Lei para a reforma da Lei de Montes. O obxectivo desta lei é a adopción de “medidas urxentes para fortalecer a conservación e xestión sostible dos sistemas forestais e a protección dos solos afectados polos lumes”.

O deputado de En Marea, Antón Gómez-Reino, incidiu na importancia das medidas desta lei, que urxen á adopción de cambios en seis eixos importantes co obxectivo de: fortalecer os instrumentos de ordenación e xestión forestal, aumentar os instrumentos de protección dos montes, introducir instrumentos de xestión sostible participativa, aumentar o control sobre os cambios de uso forestal, incluír o recoñecemento dos sistemas agro-silvo-pastorís e dignificar as condicións dos axentes medioambientales e forestais.

“Cremos que é unha norma fundamental para ordenar a política forestal dos nosos montes e para mellorar a vida das persoas que viven neste entorno e coidan do noso medio rural”, insistiu o parlamentario de En Marea.

Gómez-Reino insistiu en que a Proposición de Lei quere “un novo modelo forestal e unha reforma para que ninguén se beneficie dos lumes” polo que establece tamén a revisión do artigo 50.1 da Lei de Montes que reformou o PP sobre terreos incendiados nas que se establece unha serie de excepcións que podían ser utilizadas, pero “nestes momentos consideramos esencial suprimir estas excepcións perversas”, enfatizou Gómez Reino.

Ante os cambios sociais e medioambientales que se están producindo “é importante ter en conta factores como o cambio climático, o aumento do interfaz urbano – forestal que poñen en risco máis vidas humanas, o abandono do mundo rural e a precariedade que afecta aos profesionais que loitan contra o lume”, segundo engadiu o deputado Juantxo Uralde, portavoz de Equo.

Pola súa banda, Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, incidiu en dous aspectos esenciais desta reforma, como as medidas de prevención e a mellora das condicións das persoas que se enfrontan ao lume.

Ademais, En Marea destacou que “só o 10 por cento dos incendios se producen en zonas de montes caducifolios e autóctonos, polo que se debe impulsar a repoboación con este tipo de especies, fronte a unha política forestal dominada pola industria e centrada en especies pirófitas como o eucalipto”.

A reforma da lei foi traballada con organizacións e axentes do sector e de xeito transversal tendo en conta diferentes ámbitos de traballo medioambientales, produtivos ou forestais.