A deputada de En Marea, Alexandra Fernández Gómez, presentou unha proposición non de lei no Congreso cunha serie de medidas para que se reforce a loita contra a “vespa velutina” debido á rápida estensión que está a experimentar en Galiza, como no territorio de Pontevedra.
Fernández demanda ao MAPAMA que se impulse a investigación no marco da loita contra esta especie invasora moi destrutiva para o ámbito da apicultura, de xeito que se aposte pola vía biolóxica e se fagan estudos en profundidade encamiñados a descubrir unha feromona ou outras substancias que non teñan impacto ambiental.
Pide unha maior implicación como máis medios na aplicación das medidas preventivas para frear a estensión da vespa velutina, con especial énfase na tarefa do “trampeo”, estratexia de control recollida no Catálogo de Especies Exóticas Invasoras e que “polo de agora se demostrou como fórmula máis eficaz”.
Demanda tamén unha mellora na coordenación e planificación entre as Administracións competentes, que se realice unha campaña de información e divulgación para proporcionar información sobre o seu ciclo biolóxico, alimentario e de conducta a fin de acadar unha xestión máis eficaz. E sobre todo, insta ao MAPAMA a contar en todo momento coa experiencia e o coñecemento acumulado do sector apicultor para tratar de erradicar esta especie invasora.
A súa estensión pón en evidencia a ineficacia das medidas
Advirte a deputada de En Marea que desde moitas asociación de apicultura “consideráse que a vespa velutina está fóra de control. E dada a súa expansión, cremos que é evidente que o problema non se afrontou de xeito contundente e coas medidas precisas”. A destrución de colmenas vai in crescendo e a vespa asiática está por toda a xeografía galega.
Alexandra Fernández critica o baixo nivel de atención do MAPAMA con este grave problema e repróchalle de “falla de eficacia. Os apicultores levan anos alertando do grave perigo que supón esta especie invasora para as colmenas. Sen esquecer, como estamos a ver nas noticias diarias que moitos dos niños están en entornos urbanos o que está a ocasionar alarma social”.
A “vespa velutina” é moi voraz, capaz de capturar 1 quilo de abellas ao día. A parlamentar de En Marea empraza ao MAPAMA a manter un diálogo constante coas asociacións e plataformas como a Plataforma Stop Velutina para encauzar ben as medidas e obter unha eficaz coordenación de xeito que se estea a traballar na destrución de niños primarios, facer trampeo de raíñas á altura de febreiro-marzo e a detrución dos niños secundarios.
Noticias de última hora en Vigo