En Marea presentou unha solicitude conxunta co BNG pedindo a comparecencia da Xunta para valorar a investigación xudicial polo accidente ferroviario de Angrois

Luís Villares: “Ten que ser a Xustiza a que unha vez máis vaia en busca dunha realidade que o muro do PP, coa complicidade do PSOE, está a negar no Parlamento“.
Publicado por o día 14/03/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea presentou unha solicitude conxunta co BNG pedindo a comparecencia da Xunta para valorar a investigación xudicial polo accidente ferroviario de Angrois

En Marea insistiu na necesidade de crear dunha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois xa que como sinalou o portavoz parlamentario, Luís Villares, “a cidadanía ten dereito a coñecer a verdade“. En Marea xunto co BNG presentaron unha solicitude de comparecencia do Goberno galego no pleno para “dar conta de como avalía a evolución da seguridade e da modernización do ferrocarril na Galiza, así como das valoracións que lle merece a investigación xudicial sobre o accidente de Angrois e a imputación do antigo xefe de seguridade de ADIF“. Unha petición que unha vez máis foi rexeitada polo PP impoñendo a súa maioría.

Na rolda de prensa posterior a xunta de portavoces do Parlamento de Galicia, Villares lamentou que “teña que ser a Xustiza a que unha vez máis vai en busca dunha realidade que o muro do PP, coa complicidade do PSOE, está a negar non xa aos grupos da oposición senón as vítimas e aos seus familiares“. Neste sentido o portavoz parlamentario insistiu en sinalar que o que investiga o xuíz son as responsabilidades penais destacando que a imputación do ex xefe de seguridade do ADIF demostra que a súa actuación puido ser “groseira“ xa que considera que existen indicios razoables dun posible delito penal. “Con independencia do resultado penal ten que haber unha responsabilidade política e será unicamente a Xustiza a que nos permita coñecer a verdade que nos están a negar no Parlamento“ declarou Villares quen asegurou que “a manta que intenta poñer PP e PSOE non será o suficientemente grande como para tapar o acontecido no accidente do Alvia“.

Por todo isto, En Marea volve a defender a necesidade de crear unha comisión de investigación con maior flexibilidade e capacidade de comparecencia que investigue o que aconteceu. “¿Que queren facer o mesmo que coas vítimas do Yak-47? ¿Esperar 15 anos para que o Goberno que lle toque pida perdón cando a Xustiza lle dea a razón as vítimas?“ preguntou Luís Villares.

O portavoz parlamentario rematou asegurando que En Marea non cesará nunca no seu empeño e presentará a mesma solicitude cada vez que se produza un feito novo sobre o caso para “dar unha nova oportunidade ao PP para que se retracte ou no seu caso que se retrate votando unha vez máis en contra“.

OUTROS ASUNTOS DO PLENO

O grupo de En Marea preguntará ao presidente da Xunta de Galicia na vindeira sesión de control polos mecanismos de financiamento empregados polo PP estes anos sobre a que pedirá a Núñez Feijóo a súa avaliación.

No relativo as proposicións non de Lei do grupo parlamentario presentará unha na que propón a creación dun servizo público de dragaxe que permita aforrar custes ao tempo que se mellora a calidade deste servizo que na actualidade está a ser executado a través de empresas privadas. E outra PNL na que se solicita a execución do plan de regadío da Limia.

No apartado de interpelacións, En Marea preguntará ao Goberno galego pola xestión da saúde mental ante a falla de atención especializada e continua para estes doentes. No ámbito sanitario o grupo presentará tamén unha moción sobre a ampliación do Hospital de Montecelo e área sanitaria de Pontevedra.

A segunda das interpelacións de En Marea será sobre a política da Xunta en materia de distribución de renda salarial co fin de coñecer que se está a facer para acabar coa grande diferencia actual entre os que máis cobran e os que menos cobra para que os de abaixo poidan cobrar máis.

Outra das mocións do grupo para o vindeiro pleno será sobre a mellora dos servizos ferroviarios para que a Xunta de Galicia inste a manter os servizos ferroviarios no rural.

No apartado de preguntas ao Goberno, En Marea centrarase nos verquidos en Rede Natura en A Lanzada que o portavoz Luís Villares cualificou de “inaceptable“ e instando a Xunta a “tomar cartas no asunto e levar a cabo as medidas que sexa preciso para que se deteñan“. A RISGA será outra das cuestións polas que preguntará ao Goberno sobre a adaptación desta axuda despois da sentenza que permite o cobro en unidades de máis dunha prestación por domicilio.

Xa por último, o grupo de En Marea preguntará sobre as accións previstas polo Goberno galego en relación á folga de Pescanova para evitar a precariedade e a rebaixa salarial dos novos empregados.

NOVA PERDA DE PODER ADQUISITIVO PARA OS PENSIONISTAS

Na comparecencia ante os medios, Villares fixo referencia así mesmo ao dato coñecido do IPC acumulado do último mes cunha nova subida mentres as pensións se manteñen. “¿Isto establece segundo o PP unhas condicións de vida dignas cunhas media de pensións de algo máis de 700 euros?“ preguntou o portavoz de En Marea denunciando unha nova perda de poder adquisitivo dos pensionistas no noso país.