En Marea propón 20 medidas ao Goberno galego para recuperar o emprego no sector da automoción

Francisco Casal: “Parece que o conselleiro de Industria, como bo neoliberal, fai súa a frase de Solchaga de que a mellor política industrial é a que non se fai, pero En Marea non quere perder outros tres anos para o sector da automoción”
📣 Publicado por el 09/05/2017 en la sección de En Marea - Política - Vigo

En Marea propón 20 medidas ao Goberno galego para recuperar o emprego no sector da automoción

Nunha moción defendida  na Cámara galega polo deputado Francisco Casal, o grupo parlamentario En Marea presentoulle esta tarde ao Goberno da Xunta vinte propostas co obxectivo de recuperar os postos de traballo no sector da automoción en Galicia.

Un dos principais problemas do sector é o derivado do financiamento. Para corrixir esta eiva En Marea propón incrementar o fondo de avais do IGAPE en 7 millóns de euros, ademais de desenvolver convocatorias específicas para os sectores tractores da industrialización de Galicia (automóbil, naval e inudstrias derivadas do sector primario -pesca, marisqueo, agrogandeiras, madeira…-). Tamén se solicita un incremento dos préstamos a longo prazo do Instituto Galego de Promoción Económica en 20 millóns de euros.

Ademais, solicítase a supresión das contratacións con consultoras ou persoal externo aos organismos competentes para o control das axudas. “Estase contratando a consultoras sen coñecemento real de todo o proceso de control convértese nun paripé”, denunciou Casal.

Outro dos eixos de actuación é o I+D+i pora o  que se propón un incremento das actuacións da Axencia de Innovación de Galicia en 10 millóns de euros e que as partidas orzamentarias dirixidas a promover a investigación, desenvolvemento e innovación sexan executadas ao 100%, propiciando estratexias colaborativas para as pequenas e medianas empresas. “Sempre queda un 20-25% sen executar nas partidas destinadas a favorecer a innovación neste sector”, sinalou Francisco Casal.

Entre as medidas de transporte e loxística destacan axilizar a “Autoestrada Marítima do Atlántico”, desenvolver un proxecto de transporte por ferrocarril que enlace portos, portos secos e zonas industriais de Galicia coa rede europea de transporte e proporcionar solo industrial a prezos competitivos, priorizando a finalización da PLISAN (Plataforma Loxística de Salvaterra As Neves) neste exercicio 2017.

Unha medida fundamental no eido da enerxía é a de instar ao Ministerio de Industria a desenvolver axudas, contempladas pola Unión Europea, ao consumo industrial de enerxía mediante subvencións ás que constitúan contratos bilaterais para consumir maioritariamente enerxías renovables.

No campo da formación, En Marea propón implicar as Universidades galegas en formación de tecnoloxía avanzada e desenvolver cursos de formación continua e de formación profesional no ámbito do traballo con robots (Co-Robots).

Finalmente, a proposta de En Marea recolle medidas transversais e estratéxicas  como o desenvolvemento dunha estratexia colaborativa na Eurorrexión, a elaboración dun Plan Estratéxico que implique a todos os actores do sector. Para evitar que todas estas propostas fiquen sen implementar, Francisco Casal defende a constitución dunha mesa de seguemento e a garantía de que todas se desenvolvan tendo como premisa o mantemento do traballo.

Tras solicitar a votación por puntos, o PPdeG só vota a favor  das medidas 9, 10, 13 e 14, as referidas a mellorar a formación en colaboración coas Universidades eno ámbito do traballo con robots e as que falaban de axilizar a “Autopista Marítima do Atlántico” e o proxecto de transporte por ferrocarril para enlazar portos, portos secos e zonas industriais de Galicia coa rede europea de transporte.