En Marea propón dedicar o 35% do beneficio empresarial a mellorar os servizos de emerxencia

O voceiro de En Marea Luís Villares valorou esta tarde os Orzamentos destinados a Axencia Galega de Emerxencias para 2017 e o deputado Manuel Lago os dedicados ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral.
Publicado por o día 21/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea propón dedicar o 35% do beneficio empresarial a mellorar os servizos de emerxencia

Luís Villares comezou a súa intervención na Comisión 3º preguntándolle ao director da Axencia Galega de Emerxencias pola súa responsabilidade na xestión do incendio de Fandicosta, “un lume que puido ser controlado de xeito efectivo pero non o foi por decisións nefastas imputables á Axencia que vostede dirixe, pois o mando non autorizou a intervención de servizos de bombeiros que estaban dispoñibles nese momento”.

Para Villares na atención de Emerxencias “o sentido común aparece distorsionado cando o negocio aparece polo medio”, polo que En Marea propón destinar ese 35% de beneficio empresarial derivado da privatización de servizos nunha mellora da calidade na atención á cidadanía nunha cuestión tan esencial coma a seguridade e a saúde públicas.

O voceiro de En marea referiuse de xeito concreto aos tempos de resposta nas zonas da montaña, tanto por parte dos servizos de ambulancia coma nos de bombeiros. “As queixas son constantes pola tardanza que se está rexistrando, que fai que moitas desgrazas se estean evitando pola solidariedade veciñal e non pola atención que prestan os servizos de emerxencias”.

Manuel Lago: “ A precariedade laboral mata”

O deputado de En Marea, Manuel Lago, interviu esta tarde na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamento para avaliar a partida orzamentaria destinada ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. O pasado ano 2015, os accidentes laborais acabaron coa vida de 67 persoas en Galicia e causaron feridas a case 30.000 persoas. “Cifras terribles que nos colocan entre os países desenvolvidos con peores datos de saúde laboral e seguridade no traballo, tanto en accidentes como en enfermidades profesionais”, lamentou Lago.

Preocupa o repunte da sinistralidade laboral en Galicia nos últimos exercicios, cun incremento dende 2013 dun 13% en accidentes e dun 30% o número de vítimas. Para o deputado de En Marea a primeira e máis grave causa desta situación é a precariedade laboral pois “a saída da recesión estase a facer a través de emprego precario e sen dereitos e hai que dicilo: a precariedade laboral mata”. En efecto, o 20% dos accidentes sófrenos persoas que levan menos de 3 meses trabalando na empresa, cando a representación deste colectivo no conxunto de traballadores é só do 7%.

De aí que o orzamento do ISSGA para 2017 sexa, ao entender de En Marea, decepcionante, sendo este o instrumento fundamental da xestión dos programas de saúde e seguridade no traballo. “No conxunto de recursos dedicados a esta materia, pasamos de ter en 2016 15,8 millóns de euros, dos cales o ISSGA xestionaba sobre 10,7 millóns a tan só 6,7 millóns de euros, dos que o ISSGA xestiona 6 millóns de euros”, apuntou Manuel Lago.