En Marea propón incrementar a dotación orzamentaria para o ensino público para acadar como mínimo un 7% do PIB nesta lexislatura

Luca Chao: “Seguiremos traballando pola derrogación dos concertos educativos e da LOMCE e propoñemos un plan específico de ensino no rural”.
Publicado por o día 11/09/2017 na sección de Educación,En Marea,Galicia,Política

En Marea propón incrementar a dotación orzamentaria para o ensino público para acadar como mínimo un 7% do PIB nesta lexislatura

Comeza un novo curso escolar, “tranquilo para o conselleiro, pero nós cremos que vai ser furacanado”. Son palabras da deputada de En Marea Ánxeles Cuña na rolda de prensa que ofreceu hoxe xunto á deputada Luca Chao para cuestionar a “opacidade e a falta de planificación” da Xunta perante o novo curso académico, con máis de cen centros con obras inacabadas e recortes de profesorado en todos os niveis.

Para a parlamentaria de En Marea, “o curso comeza como rematou, con inestabilidade, precarización e de lombo aos sindicatos e á comunidade educativa”. Mentres se executan os recortes no ensino público, a Xunta decidiu extender ata 2023 os concertos en 58 centros privados, consolidando a tendencia de desviar recursos públicos para o ensino concertado. “Mentres tanto, no ensino público 1.200 profesores, un de cada catro, terán que impartir asignaturas afíns, das que ás veces non teñen os mínimos coñecementos”, denunciou Cuña, que puxo como exemplo a “docentes de Linguas ou Debuxo que este ano terán que dar clase de Tecnoloxía”.

Ademais, segundo En Marea, máis de mil familias de Educación Infantil seguen agardando por unha praza e “o que o conselleiro de Educación anuncia como o seu gran logro, o plurilingüismo e a dixitalización, supón na práctica que o alumnado terá de media 31 horas en castelán e só 18 en galego”. A falta dunha planificación responsable tamén terá os seus efectos, segundo Ánxeles Cuña, na decisión de implementar os autobuses escolares compartidos, “pois acabarán dándose situacións como que as persoas responsables da seguridade nos autocares terán capacidade de veto a usuarios e o alumnado verá incrementado o tempo que pasa no transporte2.

Fronte a ese modelo privatizador, Luca Chao defendou os cambios que debe afrontar o sistema educativo galego para “garantir a igualdade entre todos os nenos e nenas”. “Fronte á volta ó cole da improvisación constante, En Marea propón unha unha volta ó cole en igualdade”, sinalou a parlamentaria, “para o que hai que lograr un ensino público gratuito, universal e verdadeiramente público”. De media os pais e nais afrontan estes días uns 850 euros de media por alumno, “o que suón unha eiva de entrada para as persoas que máis o precisan”, polo que En Marea plantexa a necesidade urxente de incrementar a dotación orzamentaria para o ensino público, para acadar como mínimo un 7% do PIB de cara a fin da lexislatura.

Avanzar na gratuidade dos libros de texto, do materia escolar e “dos mal chamados servizos complementarios” (comedor, transporte), que na actualidade son repagados polas familias, incrementar as bolsas en función da renda, reforzar o profesorado para recuperar as cifras de docencia que tiñamos antes da crise son algunhas das medidas urxentes que propón En Marea para mellorar a calidade do noso sistema educativo.

En Marea considera urxente o deseño dun plan específico de ensino para o rural”, sinalou Luca Chao, que mañá defenderá no Pleno a proposta do grupo parlamentario nesta dirección. “Por primeira vez o alumando matriculado no rural descende este curso e é alarmante a situación de abandono do sistema nos centro do rural, queremos un plan que teña en conta o papel das escolas para evitar o despoboamento, polo que se deben ter en conta previsión sociodemográficas a medio prazo antes de pechar un centro, diminuir as ratios de alumnado a 3, garantir a cobertura de especialistas para manter a calidade educativa”, reivindicou Chao, para quen “o profesorado do rural debe contar con máis estabilidade e formación específica”.

Ademais, o grupo parlamentario traballará pola derrogación inmediata dos concertos educativos, pois “é indigno dun país democrático que se recorten recursos para as aulas públicas mentres se blinda a concertación para os centros que segregan por sexo. “Ou se está coa igualdade ou se está co machismo máis rancio que se permite neses centros”, dixo Luca Chao, quen avanzou que outro dos eixos de traballo de En Marea durante este período será a derrogación da LOMCE, “para avanzar nunha lei educativa dialogada coa sociedade e que garanta un ensino público, laico e feminista”.

Multa “irrisoria” á Fundación Franco

Na rolda de prensa, Ánxeles Cuña tamén fixo referencia á multa “irrisoria” da Xunta á Fundación Franco por incumprir as visitas ao Pazo de Meirás e ás declaracións de Feijóo cualificando de “franquista” a solicitude de expropiación. “Está moi ben documentado o expolio ao pobo”, dixo Cuña antes de engadir que os bens da familia Franco “se conseguiron practicamente a punta de pistola”. Para En Marea é unha cuestión de vontade política e insta ao PP a “non seguir aldraxando ás vítimas con palabras que só demostran a connivencia coa familia do ditador, e a favor da consolidación do saqueo”, denuncioui a parlamentaria de En Marea e sinalou que “agardamos que Feijóo se retracte”.

É a conciencia da sociedade civil de que hai que reparar a memoria a que está pedindo a devolución do Pazo de Meirás ao pobo”, lembrou Cuña. “É o que se fixo en todos os países democráticos, maduros e civilizados”, concluíu.