En Marea propón un pacto sobre o teito de gasto incrementándoo en 750 millóns de euros

Publicado por o día 23/11/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea propón un pacto sobre o teito de gasto incrementándoo en 750 millóns de euros

En Marea vén de propoñer no Parlamento de Galicia un acordo entre as diferentes forzas, a condición de que o Goberno galego aumente o teito de gasto en 750 millóns de euros, cifra necesaria para financiar “programas e propostas de urxencia que sirvan para combater as desfeitas provocadas pola gran recesión e a xestión liberal da mesma”.

Entre as medidas de urxencia que recolle a proposta de En Marea figura o desenvolvemento  dunha renda social contra a pobreza extrema, un programa contra a pobreza enerxética e unha acción decida contra os desafiuzamentos.  Tamén dotar os recursos necesarios  para levar adiante unha ambiciosa política de emprego, recuperar o nivel de axudas á dependencia, a gratuidade dos libros de texto e comezar o camiño para volver aos niveis de emprego perdidos na sanidade, na educación e nas políticas sociais.

Para En Marea este incremento de 750 millóns de euros debería ser o primeiro paso dunha estratexia de medio prazo que teña como obxectivo regresar ao nivel de gasto previo á grande recesión.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, considera que “cos 259 millóns que propón a Xunta precisariamos 10 anos para volver a onde estabamos antes de caer no pozo da recesión, un ritmo insoportablemente lento”. E aconselloulle á Xunta ser “máis ambiciosa e plantexarse o obxectivo de regresar nunha lexislatura á capacidade de gasto perdida”.

En Marea dille NON a un teito de gasto “calculado coa lóxica dun contable que só aspira a cadrar as contas dentro dos estreitos límites das restriccións externas sen outra ambición”.