En Marea propón unha alternativa económica de carácter social que permita o equilibrio das contas mediante a garantía dun solo de ingresos non do teito de gasto

O voceiro de En Marea, Luís Villares, xustificou o voto en contra do seu grupo ao limite de gasto proposto pola Xunta para o vindeiro orzamento co que o PP pretende continuar coa política de austeridade e restrición orzamentaria pese ao crecemento do PIB.
Publicado por o día 01/08/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea propón unha alternativa económica de carácter social que permita o equilibrio das contas mediante a garantía dun solo de ingresos non do teito de gasto

“Asistimos un ano máis a un debate triste e mediocre”. Así arrancou a súa intervención o voceiro de En Marea, Luís Villares, na sesión plenaria para a tramitación do teito de gasto para os orzamentos do vindeiro ano da Xunta de Galicia. Unha afirmación que xustificou asegurando que o debate deste límite de gasto condena a “falar de como xestionar a miseria que algúns crearon e padecen os de sempre, de discutir sobre falacias intelectuais como a manifestada polas FAES dicindo que a redistribución da riqueza non se fai a partir dunha política fiscal progresiva senón dunha xestión máis eficiente do gasto o que sería como dicir que unha boa política de austeridade e restrición orzamentaria é a mellor vía para conseguir unha menor desigualdade e benestar social.

O teito de gasto forma parte da arquitectura da austeridade como denunciou Luís Villares que salientou o feito de que os orzamentos medrarán por baixo do que medra a economía. “A austeridad é o avergoñamento do público, é a insolidariedade, é negar que o conxunto da sociedade interveña mediante o orzamento para asegurar dereitos básicos ” denunciou o voceiro de En Marea. “Teito de gasto significa que se hai que optar entre mercar medicamentos ou pagarlle á Merkel, escollemos Merkel” afirmou Villares. Unha arquitectura da austeridade imposta pola TROIKA e o artigo 135 da Constitución Español que deixa en evidencia que non estamos a falar de economía senón ideoloxía. “O obxectivo é reducir o gasto público para evitar que o Estado poda intervir mellorando a vida da xente, abandonando a cada quen a súa sorte individual e social” sinalou.

As consecuencias das políticas impostas polo Partido Popular deixan datos desastrosos no noso país. O desemprego medrou en Galicia tivo o maior crecemento de todo o Estado, e multiplicouse por catro o número de dempregados , aumentaron nun 53 por cento o número de fogares con todos os seus membros en paro e o 100 por cen os fogares sen ningún ingreso. A propia Comisión Europea denuncia que España pechou o 2916 con máis xente en risco de pobreza e por encima da media da Unión Europea. O índice Gini da desigualdade mantense por enriba da media da UE e a xente moza pospón importantes decisións con impactos moi negativos na súas vidas persoais, na cohesión social, as perspectivas de crecemento e o sostemento dos sistemas sociais.

O voceiro de En Marea referiuse ao crecemento do PIB que asegurou “medra a pesares da política económica do PP”. “As súas medidas económicas son inútiles, e non o di En Marea, o di o Banco de España. O crecemento en España débese a política monetaria expansiva do BCE, o tipo de cambio de euro a dólar, o prezo do petróleo e unha relaxación da política fiscal, factores responsables do 70 por cento do incremento do PIB en 2016. O goberno non ten política económica. A isto hai que engadir que a débeda segue sen diminuír. “O resultado é que a riqueza xerada distribúese inxustamente. O problema é que o teito de gasto é xusto o contrario de redistribución, é facer que a riqueza siga acumulándose nas capas máis altas da sociedade” concluíu Villares.

O voceiro de En Marea referiuse tamén as perspectivas de crecemento de Galicia que sitúan o incremento do PIB no 3.1 por cento, por primeira vez por riba de niveis precrise pero a Xunta presenta un incremento do gasto do 2,8 por cento. Un erro que tivo que ser corrixido no orzamento deste ano despois de que xa En Marea na tramitación do mesmo advertira dos erros das contas da Xunta que foi ignorado polo PP e obrigou a ter que aprobar unha modificación do orzamento.

O grupo de En Marea considera totalmente inadmisible o teito de gasto presentado en primeiro lugar porque non chega nin tan sequera as previsións de crecemento. Ademais non recollen o incremento dos prezos. A clave sería, como destacou o voceiro de En Marea, sería incrementar o gasto nos mesmos niveis que o incremento do PIB nominal, co obxectivo de recuperar o mesmo nivel de gasto en termos reais polo que o incremento do gasto debería ser do 5,6 por cento. “Isto permitiríanos dotar orzamentariamente todos os plans de atención ás persoas dependentes e converter o RISGA nunha verdadeira renda básica cidadá moito máis extensa e mellor dotada” explicou Villares.

Outro aspecto clave é aquel que atinxe ao modelo de financiamento autonómico como destacou o voceiro que denunciou que “este incremento pon de manifesto que o modelo de financiamento autonómico non mellorará no vindeiro ano, e iso non resulta real”. O modelo de financiamento para as comunidades autónomas aumentará en máis de 4.000 millóns de euros do que “algo lle tocará a Galicia” e sen embargo non aparece contemplado no teito presentado pola Xunta. “Isto permitiría incrementar o investimento en políticas de alugueiro social que asegurasen o dereito a unha vivenda digna e a emancipación da xente nova pero nada disto semella interesar ao PP” afirmou Luís Villares. A reforma do novo modelo de financiamento que traerá asociado unha maior suficiencia de recursos ás comunidades autónomas, permitiría facer unhas previsións de ingresos moito máis optimistas, o cal implicaría un incremento moito máis elevado do teito de gasto que “posibilitaría manter abertas as nove escolas unitarias e os catro centros de ensino que pecharon este ano, así como asegurar a gratuidade dos libros de texto e un servizo de comedor alcanzable para todas as familias”. Nada disto contempla o Goberno galego que segue instalado na austeridade e teimando na redución do peso do orzamento no PIB.

O voceiro de En Marea referiuse así mesmo ao sistema fiscal de España que asegurou “é dos menos eficientes y eficaces da UE”. O goberno pretende ignorar este feito coa súa política de debilitar a suficiencia fiscal, reducindo os impostos ao capital e rendas máis altas. Esta política estatal supón un impacto para Galicia de aproximadamente 8.800 millóns de euros. Tampouco Galicia é allea a esta política e tamen mantén unha política de deducións fiscais considerables, que acada máis de 500 millóns no 2017, “diñeiro que non queda nas clases medias nin nas máis humildes, senón nas máis adiñeiradas”.

A alternativa de En Marea 

A proposta de En Marea pasa pola defensa dunha alternativa económica de carácter social, que asegura igualmente o equilibrio das contas, pero non mediante o establecemento do teito de gasto, senón mediante a garantía dun solo de ingresos. Para iso o primeiro que hai que facer como salientou o voceiro é saber cantos recursos necesitamos recadar para asegurar o acceso de toda a poboación a dereitos básicos e fundamentais. O orzamento debe centrarse ademáis na creación de emprego de calidade “para que a mocidade non teña que emigrar; que a xente empregada non viva empobrecida e cunhas condicións laborais que lles permita afrontar o futuro con seguridade que lles permita planificar as súas vidas”. Algo que se acada mediante a suficiencia fiscal como explicou o voceiro de En Marea.

Para o grupo de En Marea a suficiencia fiscal é un principio fundamental para o benestar da cidadanía e para estabilidade das contas públicas; un principio polo que deben rexerse as administracións públicas.

“A suficiencia fiscal nun estado social e materialmente democrático implica que para facer uns orzamentos en primeiro lugar hai que calcular e cuantificar o custo da satisfacción dos dereitos fundamentais e sociais mínimos para que o conxunto da cidadanía poda vivir con dignidade, e unha vez determinado ese importe deseñar un sistema fiscal que permita atender esas necesidades” aclarou Villares.

Hai que asegurar un solo de ingresos que permita satisfacer dereitos, é dicir, “un orzamento pensado para as persoas”.  Fronte isto a limitación de gasto público mediante un teito condiciona a realización de políticas sociais a un orzamento minguante, polo empeño ideolóxico en que o público pese pouco dentro da economía, e unha baixa presión fiscal sobre os que teñen máis riqueza.

Con esta innecesaria restrición orzamentaria “o PP pretenden conducir a Galicia cara un mundo hiperindividualista, hipercompetetitivo, onde a posición de cada un na sociedade depende exclusivamente do que o mercado di que vale, e o mais triste de todo; conducirnos cara unha sociedade onde se perde a sensibilidade polo ben común e polo benestar colectivo. Vostedes están a favor dunha sociedade do sálvese quen poida”.

Por todos estes motivos, o grupo parlamentario de En Marea votou NON ao teito de gasto, votou NON a este modelo de sociedade individualista do Partido Popular. “En Marea cre nun modelo social cooperativo e xusto onde non se deixe a ninguén atrá” concluíu Luís Villares.