En Marea proponlle á Xunta un Plan específico de ensino rural que rebaixa as ratios para evitar o peche de aulas

A proposta de En Marea fixa en 3 o número de alumnos mínimos por aula nas zonas rurais e aposta por facer unha previsión a tres anos vista.
Por o 28/06/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política
En Marea proponlle á Xunta un Plan específico de ensino rural que rebaixa as ratios para evitar o peche de aulas
Compartir en:

As deputadas Luca Chao e Ánxeles Cuña mantiveron esta tarde unha xuntanza coa Confederación de Anpas Galegas no Rural para trasladarlles o Plan específico de ensino rural que En Marea vén de rexistrar no Parlamento tras varias semanas de traballo colaborativo con diferentes axentes da comunidade educativa.

Tralo anuncio vía chamada telefónica do peche de dous centros por parte da Consellería de Educación, e a supresión de dúas liñas da ESO noutros dous, En Marea propón desenvolver un plan específico que diminúa as ratios no rural de 6 a 3 alumnos e que a previsión se faga a tres anos vista, antes de pechar unha unidade. Ademais, reclama a cobertura de postos de especialistas en Educación Infantil nos centros do rural, un programa de estabilización do profesorado nestas zonas mediante incentivos e un plan de formación específico para os docentes rurais, de xeito que se poidan aproveitar todas as potencialidades deste modelo educativo.

“A asfixia da educación no medio rural insírese no mesmo proceso de desmantelamento que está a padecer o rural no seu conxunto”, denunciou Luca Chao, que engadiu que “o potencial da escola como dinamizadora das comunidades rurais está sendo ignorado e as medidas que se están a tomar por parte da administración educativa contradinse manifestamente cunha planificación comprometida coa realidade do mundo rural e cunha liña de ensino de calidade”.

O obxectivo das medidas propostas por En Marea no seu plan é que as Administracións públicas garantan o dereito de todo o alumnado de Galicia a unha educación cos mesmos estándares de calidade, independentemento do lugar en que vivan, apostando pola discriminación positiva cara ao ensino no rural paliando os desequilibrios territoriais. “Mentres este goberno se empeña en concentrar cada vez máis alumnado por aula, debotando os desdobres, os informes PISA demostran mellores resultados no alumnado de infantil e primaria das zonas rurais”, sinala a deputada Ánxeles Cuña.