En Marea provomoverá no Parlamento de Galicia unha declaración institucional de apoio a todas as iniciativas para poñer fin á vergoña do Pazo de Meirás

Reclamará as medidas lexislativas e administrativas para que o Pazo sexa incorporado ao Patrimonio público e que o BIC sexa xestionado polo Concello de Sada
Publicado por o día 11/08/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea provomoverá no Parlamento de Galicia unha declaración institucional de apoio a todas as iniciativas para poñer fin á vergoña do Pazo de Meirás

En Marea promoverá no Parlamento de Galicia unha declaración institucional de apoio a todas as iniciativas que teñan por obxecto a incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público, asi como para que, en tanto a propiedade siga detentada pola familia Franco,  o réxime de visitas ao BIC sexa xestionado polo Concello de Sada.

En Marea pretende poñer fin a unha situación que supón por unha banda unha burla cruel coas vítimas da ditadura franquista. Por outra parte, tamén é necesario acabar cos incumprimentos legais da familia Franco respecto ás obrigas como “titulares” dun monumento declarado BIC e as visitas públicas reguladas por lei.

Para En Marea tanto os poderes lexislativos, tanto os do estado como o propio Parlamento Galego, como o goberno do Estado e a Xunta, deben asumir as suas competencias e atribucións legais para poñer fin ao anacronismo histórico dun Ben de Interese Cultural detentado pola familia do ditador, en canto a sua adquisición foi o resultado dun proceso de extorsión e opresión asentado no réxime de terror franquista.

A incorporación do Pazo de Meirás ao Patrimonio público, a sua posta en valor asociada á memoria histórica, asi como o recoñecemento e reparación ás vítimas da represión e do réxime de terror, deben ser obxectivos asumidos polos poderes públicos, debendo asumir o Parlamento de Galiza, como expresión representativa da sociedade galega, tal demanda e declaración institucional ao respecto.

Xestión pública do Concello de Sada

En Marea pedirá tamén no Parlamento de Galicia que a xestión do réxime de visitas ao pazo de Meirás corresponda ao Concello de Sada, evitando que a mesma a asuma a Fundación Francisco Franco;  unha fundación insólita no mundo que, segundo explicaron os seus representantes, ten previsto utilizar o pazo como medio de enxalzamento do ditador.