En Marea realizará consulta cidadá sobre moción de censura ao PP no Congreso dos Deputados

O portavoz de En Marea, Luís Villares, e a viceportavoz, Ana Seijas, presentaron o proceso de consulta que terá lugar a vindeira fin de semana coincidindo coa manifestación convocada en Madrid en apoio á esta iniciativa do grupo confederal de Podemos- En Comú Podem- En Marea.
Publicado por o día 15/05/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea realizará consulta cidadá sobre moción de censura ao PP no Congreso dos Deputados

O portavoz de En Marea, Luís Villares, e a viceportavoz, Ana Seijas, presentaron esta mañá a consulta cidadá que levará a cabo durante a vindeira semana En Marea sobre a moción de censura presentada no Congreso dos Deputados polo grupo confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea contra o goberno do Partido Popular no Estado. Con motivo da conmemoración do 15M, En Marea deu a coñecer esta nova consulta cidadá que reflicte un novo xeito de facer política a través da participación e onde a voz das persoas é o único importante.

O portavoz Luís Villares asegurou que as razóns para impulsar a moción de censura eran máis que sobrados cunha situación de corrupción xeneralizada que afectaba ao Partido Popular non só nas súas estruturas en Madrid ou de xeito puntual senón que abarca a toda a estrutura o que fixo que a Audiencia Nacional declarase como investigado a propio o partido por financiamento ilegal e procesase a algúns dos seus altos dirixentes como organización criminal. “Estabamos ante un verdadeiro lameiral de corrupción“ afirmou o portavoz Luís Villares engadindo que é unha situación que afecta a todo o partido e polo tanto tamén a Galicia. “Feijóo forma parte da dirección estatal do Partido Popular cuxo financiamento ilegal afecta a todo o Estado“ salientou Villares.  “Senon tiveran os económicos obtidos de xeito irregular para as súas campañas, que resultados tería o PP?“ preguntouse o portavoz de En Marea.

Unha corrupción que afecta tamén ao pago de favores a empresas que aparecen vinculadas a este financiamento ilegal. Así están investigados neste momento investigados Villar Mir, e ao seu xenro Javier López Madrid, responsables de Ferroaltántica, OHL, do grupo Ferroglobe, entramados económicos que contratan coa administración pública. O que leva a se preguntar se as accións ilícitas levadas a cabo por estas empresas eran porque si ou eran a cambio de algo. Segundo as informacións que se van coñecendo como Púnica onde hai penas en firme puidemos comprobar que favores que se realizaban nunha comunidade autónoma, pagábanse noutra. Por iso, En Marea pensa que os tentáculos da operación Lezo son alongados e por iso insisten en poñer o foco na situación de Ferroatlántica onde a posición da Xunta se está a decantar cara a empresa e encontra dos intereses da cidadanía en base a “intereses espúreos que nada teñen que ver con interese xeral“.

A denigración de determinadas institucións do Estado é outro dos motivos que xustifican a presentación dunha moción de censura. “Deberíamos deixar de falar da Fiscalía xeral do Estado para comezar a falar da Dirección da Fiscalía xeral do Estado porque parece máis ben unha Dirección xeral do Ministerio de Xustiza que unha institución independente que ten que ser protexida constitucionalmente“ denunciou Villares.

A moción presentada no Congreso é unha moción cidadá como afirmou o portavoz de En Marea, o que fai necesario dar o protagonismo á cidadanía facendo da participación cidadá bandeira da forma de facer política por parte de En Marea, para o que lanza unha consulta cidadá que terá lugar a vindeira fin de semana.

A viceportavoz de En Marea, Ana Seijas, explicou cales serán os aspectos técnicos da consulta para o que se fará ao longo de toda esta semana un chamamento á participación das inscritas e inscritos baixo a etiqueta #DecideAMoción. Esta consulta arrancará o sábado 20 de maio ás 10 horas e rematará o domingo ás 10 horas, e coincidirá tamén coa manifestación convocada na Porta do Sol en Madrid.

Nesta consulta se preguntará á cidadanía si están de acordo con que En Marea dea o seu apoio político á moción de censura presentada polo grupo confederal de Podemos-En Comú Podem-En Marea no Congreso español. “Para nós é importante consultar á cidadanía xa que son eles os que conforman este espazo, e esta é a política de En Marea onde son eles e elas os que teñen a última palabra“ destacou Ana Seijas.

A consulta de En Marea sobre a moción de censura presentada no Congreso poderase responder de xeito telemático pero tamén presencial como indicou a viceportavoz de En Marea para o que ao longo desta semana se informará dos puntos concretos onde se poderá realizar a votación presencial.