En Marea reclama ao Ministerio de Educación respecto polos dereitos lingüísticos e poder presentar os traballos en galego en concursos do ministerio

O deputado de En Marea por Lugo alude ao concurso convocado polo Ministerio titulado “Unha Constitución para todos” dirixido ao alumnado non universitario e que só acepta traballos en español.
Por o 29/06/2017 | Sección: En Marea,Política
En Marea reclama ao Ministerio de Educación respecto polos dereitos lingüísticos e poder presentar os traballos en galego en concursos do ministerio
Compartir en:

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, diríxese ao Ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo, mediante diversas preguntas por escrito para reclamarlle que modifique as bases do concurso titulado “Unha Constitución para todos”, respecte os dereitos lingüísticos e o alumnado poida presentar traballos en lingua galega.

Fernán Vello alude ao concurso convocado polo Ministerio e publicado no BOE do 20 de xuño, que está dirixido a todos os centros docentes que imparten ensino non universitario de todo o sistema educativo do estado español. “É dicer, inclúe aos territorios con lingua propia: galego, catalán e euskera. Mais o apartado 8 desta Orde, indica que “os traballos presentaránse en castelán”, obviando así os dereitos lingüísticos das linguas cooficiaias”.

“Son incoherentes coa propia Constitución que recolle a oficialidade do galego”

Para o deputado de En Marea “resulta curioso que desde este Goberno se santifique e se mitifique constantemente a Constitución da que falan como se fose un texto sagrado de todos e de todas pero na praxe demostran a exclusión das linguas propias e o pouco respecto para coas diferentes identidades nacionais do estado”.

Razón pola que demanda que cambie a convocatoria e se poidan presentar traballos en lingua  galega. “O galego vive horas baixas, o ensino en galego é raquítico grazas aos decretos lingüísticos de Feijoó, cada vez menos falado na mocedade, e cunha diglosia que lonxe de desaparecer resulta que avanza. O Goberno de Rajoy nada fai por impulsar as linguas cooficias pero o que xa é inadmisíbel é que nin traballos en galego se podan presentar”.

“Está claro que o españolismo instaurado por Wert segue vixente e que non se asume a realidade plurilingüística do estado. Non hai día que non teñamos que reclamar respecto para o galego por parte da Administración do estado. Lamentabelmente, hoxe é outro día máis en que temos que erguer a nosa voz”.

Reprocha Miguel Anxo Fernán Vello a “actitude do Ministerio, incoherente coa propia Constitución que recolle a oficialidade do galego, catalán e euskera”.