En Marea reclama un control riguroso e indemnizacións para a praga da pataca

Luís Villares, Antón Sánchez García e Davide Rodríguez visitaron Mondoñedo para coñecer a situación e propoñer as medidas que a Xunta non puxo en marcha.
Publicado por o día 13/02/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea reclama un control riguroso e indemnizacións para a praga da pataca

Integrantes do grupo parlamentario de En Marea escoitaron as queixas e as propostas de produtores de pataca da contorna de Mondoñedo sobre como afecta a praga nos seus cultivos. Luís Villares, voceiro parlamentario, Antón Sánchez García, vicevoceiro, e Davide Rodríguez, participaron na visita e na reunión con representantes sindicais da zona e con produtores de patacas que este ano non puideron plantar pola praga da pataca en Galicia.

O grupo visitou Chan do Val e sobre to terreo comprobaron como a praga, ademais de afectar ao cultivo, afecta tamén ao xeito en que os produtores da Mariña están perdendo mercado no exterior e territorios limítrofes con Galicia por desconfianza e pola nula información que a Xunta está ofrecendo a produtores e comercializadores. Luís Villares explicou despois das reunións que a proposta de En Marea ten dous sentidos principais: en primeiro lugar un control riguroso da praga, coas medidas necesarias para evitar que siga a súa propagación e, en segundo lugar, organizar un sistema de indemnizacións que teña en conta as perdas causadas pola praga e polas medidas para erradicala, desde os produtores ata o autoconsumo.

En Marea tamén propón crear un censo das fincas afectadas por esta praga, como se realizou xa en producións asturianas, para coñecer con precisión cales son os danos que está causando o verme en Galicia. Nas reunións en Mondoñedo participaron tamén Julián Rodríguez, produtor de pataca da zona, e Iván Rodríguez, do Sindicato Labrego Galego.

Villares explicou que a acción da Xunta de Galicia para frear a praga foi “errática e sempre a remolque, sen tomar unha soa decisión efectiva para que os danos fosen os menores posibles”. O voceiro parlamentario de En Marea sinalou que a Xunta actuou sen ter en conta “aos afectados” e segue actuando “sen preguntar a ninguén e sen ofrecer ningún tipo de información para orientar aos produtores, de maneira que ninguén ten moi claro o que ten que facer”.

A información recollida por En Marea sobre o terreo complementará as iniciativas e preguntas presentadas no Parlamento de Galicia, que se ampliarán nas próximas semanas con novas iniciativas para urxir á Xunta a que solucione esta praga escoitando aos afectados.