En Marea reclama medidas para garantir os postos de traballo tralo expolio financeiro do Banco Popular-Pastor

O grupo parlamentario tamén trasladará ás institucións a proposta de prohibición de operacións especulativas dos fondos de investimento en Bolsa.
Publicado por o día 13/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea reclama medidas para garantir os postos de traballo tralo expolio financeiro do Banco Popular-Pastor

Esta mañá o voceiro de En Marea, Luís Villares, o vicevoceiro Antón Sánchez e o deputado Manuel Lago mantiveron unha xuntanza con representantes dos traballadores do Banco Popular-Pastor da sección sindical CCOO-Banca co obxectivo de coordinar medidas para garantir os postos de traballo e evitar a exclusión financeira dos usuarios que quedarán sen oficina de referencia por toda Galicia.

Os representantes sindicais que acudiron á reunión, a secretaria xeral de CCOO no Popular, Carmen Peteiro, o responsable de Banca e a secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO-Galicia, Francisco Villares e Lucía Trenor,  dan por feito que o Grupo Popular, integrado no Pastor na nosa comunidade, terá que afrontar un excedente de persoal trala súa compra polo Santander, polo que destacan a necesidade de esixir un control exhaustivo do proceso e que remate a incertidume para o plantel de traballadores e tamén para os clientes.

Alertan ademais do incerto futuro da Fundación Barrié, unha das fundacións máis importantes de Galicia, que queda directamente sen a súa principal fonte de financiamento ao quedaren a cero as súas accións trala operación de venda.

Pola súa banda, o deputado de En Marea e economista Manuel Lago comprometeuse a esixir das administracións públicas “ coñecer que pasou exactamente coa entidade e que se depuren responsabilidades, pois estamos ante un novo e escuro proceso de concentración financeira con graves custes para Galicia, ao quedar todo o mercado financeiro galego en mans de dous bancos, coa complicidade dos organismos supervisores e dos gobernos que o facilitaron”.

Ademais, En Marea entende que se “deberían prohibir de xeito xeralizado as operacións especulativas en Bolsa como as que permitiron que fondos de investimento desen o pelotazo cos aforros de miles de cidadáns a costa de levar á creba a bancos coma o Popular, mentres a CNMV si actuou prohibindo as vendas en corto durante un mes en Liberbank.”