En Marea reclama a recuperación da praia da Carabuxeira e a reparación das vivendas deterioradas pola construción do porto deportivo de Sanxenxo

O deputado Marcos Cal lembrou que dende o ano 1998 que Portos de Galicia obrigou á empresa concesionaria a rexenerar a zona a Xunta non se fixo nada.
Por o 19/04/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea reclama a recuperación da praia da Carabuxeira e a reparación das vivendas deterioradas pola construción do porto deportivo de Sanxenxo

O deputado de En Marea por Pontevedra Marcos Cal defendeu esta mañá na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galicia unha iniciativa que insta á Xunta a iniciar os trámites necesarios para a recuperación da praia da Carabuxeira e o seu entorno, á reparación das vivendas afectadas e a devolución, desa parte do litoral, ao seu estado anterior á construción do Porto Deportivo de Sanxenxo.

“Na construción do dique de abrigo do porto de Sanxenxo concorreron unha serie de irregularidades que causan un dano ata o de agora irreversible ao litoral deste coñecido enclave turístico galego”, alegou Cal, que cualificou a intervención de “obra pensada para as elites que non contempla as necesidades da flota pesqueira” en referencia ao desprazamento do uso tradicional do porto pesqueiro de Sanxenxo en favor do deportivo, tanto en servizos de terra como en zona de fondeo, atraque e resgardo das embarcacións.

A obra foi iniciada sen presentar o preceptivo estudo de efectos ambientais, un documento necesario para determinar ou non a viabilidade da construción, que se deu a coñecer unha vez executada a construción. Tampouco houbo informes arqueolóxicos nin sobre patrimonio cultural e realízouse unha ampliación da autorización para adscrición de bens do Dominio Público Marítimo Terrestre de 28.000 m2 a 76.348 m2 sen dar conta do impacto ambiental deste aumento de ocupación no mar.

En Marea denuncia “o cambio na dirección das correntes mariñas producidas polo novo dique, que transformaron nun pedregal a praia da Carabuxeira, afectando non só ao disfrute dos areais se non tamén aos muros, cimentacións das vivendas, instalación e acceso á praia.”

En resposta ao PP, que deriva a responsabilidade ao concello de Sanxenxo, Marcos Cal defendeu que “é a Xunta a que xerou o problema autorizando unha obra deste calibre sen ter en conta os seus efectos sobre as vivendas e a contorna natural”.

En Marea aceptou a emenda do PSdeG que propoñía fixar un prazo de reparación dos danos establecendo como límite o primeiro semestre de 2018, pero a iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do PPdeG.