En Marea reclama que se cubran as quendas de vacacións nos xulgados galegos

O voceiro Luís Villares denunciou que a non substitución do persoal afecta de xeito especialmente grave aos xulgados de violencia contra á muller.
Publicado por o día 20/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea reclama que se cubran as quendas de vacacións nos xulgados galegos

A falla de substitutos para cubrir as vacacións do persoal dos xulgados galegos está a afectar de xeito grave ao funcionamento xudicial. Ante esta situación o grupo de En Marea reclama ao Goberno galego que reaccione de xeito urxente e esixa ao Ministerio de Xustiza que cubra todos os postos durante as quendas de verán. Esta falla de persoal afecta de xeito especial aos Xulgados de instrución e os servizos de garda como sinalou o voceiro de En Marea, entre os que se atopan os dos xulgados de violencia contra a muller que quedarán sen titular nin substituto, o que provocará un empeoramento na atención ou posibles retrasos na tramitación por exemplo de ordes de afastamento, algo totalmente inadmisibles.

Na actualidade a política que o Ministerio está a seguir para dar cobertura aos distintos xulgados do país pasa por que o persoal dun xulgado cubra a outro o que na realidade implica que ningún dos dous poda estar debidamente atendido cunha perda de calidade do servizo á vez que supón unha importante carga de traballo.

O grupo de En Marea ten presentado xa diversas iniciativas ao respecto denunciando a falla de persoal substituto para todo o que queda de ano e que afecta a todos os xulgados do noso país. Neste sentido o voceiro insta unha vez máis a que a Xunta de Galicia cumpra coa súa obriga de velar e defender os dereitos da cidadanía e se dirixa ao Goberno central para que destine os recursos precisos para arranxar as carencias que a ausencia deste servizo de substitución supón, prevendo nos orzamentos os recursos precisos para levar a cabo os servizos e prevención das vítimas de violencia de xénero.

“Máis ala de declaracións institucionais e minutos de silencio, o que se precisan son políticas eficaces que se materialicen en recursos que garantan á poboación, e en especial a aquel que se atopa ante situacións vitais de gravidade e necesitadas de protección urxente, un mínimo de benestar que cubra as necesidades” afirmou o voceiro de En Marea.