En Marea reclama unha praza de pediatría para o centro de saúde de Trives durante os meses de verán

Eva Solla: “Esta decisión choca frontalmente coa suposta preocupación da Xunta polo rural e o devalo demográfico”.
Publicado por o día 05/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política,Sanidad

En Marea reclama unha praza de pediatría para o centro de saúde de Trives durante os meses de verán

A voceira de Sanidade de En Marea no Parlamento de Galicia Eva Solla esixe que a Consellería de Sanidade dote o centro de saúde de Trives cun especialista en Pediatría, ante a decisión do Sergas de deixar sen cubrir a praza durante os meses de verán.

Os traballadores do centro denuncian que durante o período estival, cando a poboación na zona aumenta polo retorno de moita xente emigrada que vén pasar á comarca as vacacións, os pacientes teñen que desprazarse ata o concello de San Xoan de Río, o que para moitos implica máis de 20 quilómetros de desprazamento.

“Entendemos que a saúde é un dereito básico da cidadanía e que esta circunstancia choca frontalmente con esa preocupación que parece trasladar a Xunta de Galicia sobre os problemas do rural e de perda demográfica”, explica a parlamentaria de En Marea, para quen “o mantemento de servizos é fundamental se queremos que a xente siga habitando estas zonas.

Centro de saúde de Ribadavia

En Marea tamén lle preguntou esta mañá á Xunta polo proxecto de construción do centro de saúde de Ribadavia “que dende que se aprobou, en 2008, leva totalmente paralizado”. Para Eva Solla “non é de recibo que a explicación que se dá é que o concello non cede os terreos” pois a Xunta “debe responder das súas responsabilidades e resolver os atrancos existentes”.

Solla denunciou as “graves deficiencias” das instalacións do actual centro de saúde, que ten unha antigüidade de máis de 50 anos, entre as que destacou a ausencia dun plan de evacuación no caso de incendio e as constantes inundacións do edificio nos meses de inverno.