En Marea reclama á Xunta que deixe de agochar a situación de ataque constante aos dereitos laborais na factoría de Citröen en Vigo

O vicevoceiro no Parlamento de En Marea, Antón Sánchez, o concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, e o secretario de Organización de CUT Citröen, Ricardo Castro, lamentaron o silencio do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ante a sentenza do TSXG.
Publicado por o día 10/06/2017 na sección de Marea Vigo,Política,Vigo

En Marea reclama á Xunta que deixe de agochar a situación de ataque constante aos dereitos laborais na factoría de Citröen en Vigo

O grupo municipal da Marea de Vigo, o grupo de En Marea no Parlamento, e os representantes de CUT Citröen ofreceron unha rolda de prensa esta mañá para dar conta da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se da a razón aos traballadores e traballadoras da factoría de Vigo que denunciaban a política de presión e ataque aos dereitos laborais e sindicais que están a sufrir desde hai anos.

O concelleiro e voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, arrancou a súa intervención dando os parabéns á CUT Citröen pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se lles recoñece o dereito a folga e que deixa en evidencia a constante presión e recorte de dereitos laborais aos traballadores da factoría de Vigo destacando o traballo deste sindicato “un exemplo do que hai que facer a nivel sindical¨. O concelleiro de Marea de Vigo lembrou a subvención que recibe anualmente esta empresa de 300.000 euros do Concello, á que se suman as que recibe do Goberno galego. No caso dos cartos recibidos polo Concello, sinalou que “supostamente ía para axudar á contratación e ao final o que se estaba a facer era sufragar gasto interno da factoría¨.

Rubén Pérez considerou que se están a facer “moitos  esforzos por agradar a PSA e non había retorno por parte da empresa con perda de empregos e os dereitos e salarios cada vez menor. “A sentenza demostra que si están a pasar cousas na PSA Vigo como xa ten denunciado En Marea de Vigo en diversas ocasións no propio pleno do Concello¨ salientou Rubén Pérez. Por todo isto, reclamou á empresa que sexa coherente co esforzo que está a facer a cidadanía de Vigo e acabe coa actual represión laboral levando a cabo un cambio de políticas real dentro da factoría.

O secretario de Organización de CUT Citröen, Ricardo Castro, agradeceu a axuda tanto do grupo de En Marea no Concello de Vigo como no Parlamento de Galicia á hora de rachar o “discurso monolítico¨ en torno a Citröen xa que “resulta moi complicado explicar cal é a situación real que se vive dentro da factoría¨. Esta sentencia “histórica¨ axuda precisamente a dar unha visión real do que sucede na factoría e reflicte unha situación que ven de hai moitos anos cun total hermetismo que agocha os ataques continuos aos dereitos laborais e un progresivo abaratamento da man de obra e as condicións laborais nunha empresa que está sendo subvencionada pola administración pública.

“Esta sentenza que deixa en evidencia que as cousas non se están a facer ben en Citröen Vigo, esta empresa que tanto o Concello de Vigo como a Xunta considera un modelo¨ recriminou o secretario de organización da CUT Citroöen quen lamentou o silencio tanto de Caballero como de Feijóo sobre a propia sentencia. “Os dereitos laborais teñen que estar por riba de calquera outra circunstancia xa que a precariedade aféctannos a todos como sociedade¨.

O vicevoceiro no Parlamento, Antón Sánchez, deu tamén os parabéns á CUT Citröen pola sentenza porque “é fundamental que nestes tempos existan sindicatos que comprendan ben o seu papel na defensa dos dereitos dos traballadores e contra o modelo que pretende impor onde se consolidan os privilexios dos que causaron a crise e a precarización e recorte de dereitos laborais¨.

No relativo á sentenza, Sánchez asegurou que é moi significativa xa que demostra a ofensiva constante contra os traballadores e o dereito á folga. “Non se está a mostrar un momento puntual senón unha presión constante contra os traballadores¨ denunciou o vicevoceiro de En Marea que afirmou que “non hai democracia nun pais se non hai democracia nas¨.

En Marea levará iniciativas ao Parlamento de Galicia nas que se pulará por valorar a  prosperidade da Citröen en base unicamente ás melloras laborais dos traballadores e traballadoras, que son tamén melloras para á cidadanía e do país. “Non se pode agochar a situación dos traballadores falando de aparentes progresos da empresa. Queremos datos sobre emprego, a calidade do mesmo e a situación laboral destes traballadores¨ afirmou Sánchez. Así mesmo, En Marea esixirá que se vinculen as subvencións á empresa ao mantemento dos postos de traballo e recuperación dos dereitos laborais. Neste aspecto denunciou tamén a falla de transparencia das axudas recibidas por esta empresa e reclamou que se reforcen os mecanismos de control e inspección despois de se demostrar a constante presión da empresa na sentenza xudicial.