En Marea reclamalle á Xunta mecanismos de arbitraxe para que os bancos devolvan o diñeiro das cláusulas chan aos afectados sen ir a xuízo

Rexeitan a Lei de Acompañamento ao entender que está introducindo pola “porta de atrás” novidades lexislativas “ao dictado das grandes empresas”.
Por o 22/12/2016 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea reclamalle á Xunta mecanismos de arbitraxe para que os bancos devolvan o diñeiro das cláusulas chan aos afectados sen ir a xuízo
Compartir en:

“Queremos que se dean as maiores facilidades ás persoas afectadas polas cláusulas chan pois bastantes pasaron primeiro sendo vítimas de cláusulas abusivas, logo tendo que pelexalas nos Tribunais, como para que agora teñan que reiniciar novos procedementos xudiciais”.

Así explicaba o voceiro de En Marea Luís Villares a iniciativa de En Marea de requerir que a Xunta, a través do Instituto Galego de Consumo, habilite mecanismos de arbitraxe e solución extraxudicial para a devolución polos bancos das cantidades indebidamente cobradas aos clientes dos clientes de contratos hipotecarios con cláusulas chan, dando cumprimento á sentenza emitida onte polo Tribunal Superior de Xustiza Europeo.

Para En Marea esta facilitación por parte dos poderes públicos beneficia a todo o mundo, pois daría lugar a unha transferencia patrimonial dos bancos ás familias que precisamente están endebedadas “dando lugar a unha maior dispoñibilidade dos recursos que son seus e que sempre o foron”.

Rexeitamento da Lei de Acompañamento

En Marea tamén anunciou esta mañá que presentará unha emenda de devolución da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, máis coñecida como Lei de Acompañamento dos Orzamentos para 2017 por “tratar de colar pola porta de atrás modificacións lexislativas profundas que deben ir precedidas dun debate social e político”, explicou na rolda de prensa Antón Sánchez.

O vicevoceiro de En Marea puxo como exemplo as medidas que inclúe a Xunta na Lei de Acompañamento en materia de transporte público, que relacionou coas políticas clientelares que vén desenvolvendo o PP nos últimos anos. “O señor Feijóo, o señor Rueda e o poñente do PP na Lei de Transporte están entre as persoas que, segundo os informes de Vixilancia Aduaneira, recibiron ano tras ano dende 2009 a 2015 agasallos de Monbús”, denunciou Sánchez, “mentres neses anos a Xunta adxudicou ata 13 millóns de euros e fixo cambios normativos que beneficiaron a esa empresa”. E engadiu que “de non ser pola súa condición de aforados, hoxe estarían imputados, como o están outras persoas con casos idénticos”.

A Lei de Acompañamento volve consolidar as prórrogas que permiten ás empresas a provisión de novos servizos, antes da aprobación e debate do Plan de Transporte Público de Galicia, “algo que nos afecta a toda a sociedade, polo que ademais da supresión de todas estas novas medidas, pediremos a creación dunha Comisión de transporte na que participe non só o sector empresarial defendendo os seus intereses, senón tamén a sociedade civil e as forzas políticas”.

Outros argumentos de En Marea para rexeitar a Lei de Acompañamento presentada pola Xunta son as modificacións plantexadas na Lei do Solo “para facerlle un favor a Jesús Vázquez, incapaz de sacar adiante un PXOM para Ourense” ou na Lei de Montes que “promove ás agachadas un novo modelo forestal ó dictado da gran industria”. Ademais, Antón Sánchez criticou duramente a política fiscal do PP, que destina “a ridícula cantidade de 2,3 millóns de euros ó que denominan impostos cero no rural, mentres a súa proposta carece dunha soa medida de progresividade fiscal”.