En Marea recuperará o Plan de atención a saúde mental abandonado polo goberno de Núñez Feijóo desde 2009

Publicado por o día 19/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,En Marea,Vigo

En Marea recuperará o Plan de atención a saúde mental abandonado polo goberno de Núñez Feijóo desde 2009

En Marea ten por obxectivo o compromiso coas persoas. E a Saúde é un elemento fundamental do benestar da nosa xente. Por iso a aposta de En Marea pasa en primeiro lugar polo manexo eficaz dos factores que máis contribúen á saúde das persoas: os condicionantes socioeconómicos. Durante a presentación esta mañá das propostas de En Marea en materia de saúde mental que tivo lugar diante da porta do Hospital Psiquiátrico de Conxo, o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares acompañado da candidata pola Coruña,Flora Miranda, e concelleira de Políticas sociais, diversidade e saúde de Santiago de Compostela, Concha Fernández, aseguraron que “o noso país será máis saudable na medida en que tomemos en consideración a xustiza social e a eliminación da desigualdade“.

“Queremos lembrar que algún día tivemos o mellor sistema sanitario público do mundo, un patrimonio valiosísimo que sería obsceno deixar esmorecer. Queremos recuperar unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade coas persoas no centro da atención“ explicaron. Así mesmo, En Marea reintegrará ao común un patrimonio colectivo que foi desprestixiado, deturpado e entregado a mans amigas do poder enlamadas coa virtude de facer da carencia colectiva un negocio. Neste contexto os candidatos fixeron un especial recoñecemento a valía das profesionais sanitarias, “patrimonio principal do noso sistema de saúde gracias ás cales paliamos parcialmente a escaseza de recursos a pesar das múltiples agresións“.

A solución para  a situación actual pasa pola xustiza social e distributiva, por un reparto de recursos con equidade que entregue máis a quen máis precisa. Polo desenvolvemento de sistemas eficaces de protección social e sanitaria. “A crise neoliberal á que o PP nos someteu estes últimos anos tivo consecuencias graves sobre a saúde das persoas, especialmente ás máis vulnerables e desprotexidas. A xente do común sufriu atentados severos á súa dignidade: escaseza de traballo, de alimentos, de acceso á vivenda, a unhas condicións laborais respectuosas coa integridade física e emocional das persoas“ denunciou Flora Miranda. As consecuencias non se fixeron agardar: ás consultas acudiron persoas con acceso restrinxido a fármacos vitais, persoas que non puideron afrontar copagamentos, xente penalizada por escoller sanidade pública en vez de centro concertado. E, aínda peor, persoas excluídas da atención sanitaria nun alarde xenófobo sen precedentes como consecuencia da aplicación dunha lei de sustentabilidade que non foi ética nin eficiente.

Estes graves atentados á dignidade das persoas tiveron repercusións serias sobre a saúde das persoas, especialmente na esfera da saúde mental. Isto foi constatado polos profesionais deste ámbito, que denunciaron un incremento nos casos de suicidio e esixiron un plan para a súa prevención que só a última hora e con afán electoralista asumiu o Partido Popular.  Mentres, nestes últimos oito anos do goberno Feijóo desmantelouse o Plan Estratéxico de atención á Saúde mental co consecuente debilitamento de recursos na atención ás persoas máis vulnerables. “Fan falta psicólogas, psiquiatras, enfermeiras e traballadoras sociais que traballen nun modelo de atención integral e comunitario“ asegurou Miranda.

Fai falta unha Atención primaria digna que exerza o seu papel de primeiro nivel asistencial accesible, resolutivo e achegado ás persoas, especialmente no rural. Unha Atención primaria vital na detección e abordaxe de patoloxía mental. Unha atención primaria na que o principal recurso diagnóstico e terapéutico é o tempo. E non hai tempo cando as consultas están saturadas e as profesionais atendemos corenta pacientes ao día.

Nesta mesma liña na presentación que se realizou en Vigo do programa de En Marea en materia sanitaria diante do Hospital Álvaro Cunqueiro, Manuel Moreira, número 6 da candidatura por Pontevedra, destacou na presentación do programa sanitario que tivo lugar en Vigo esta maña, o obxectivo de En Marea de garantir a asistencia sanitaria universal é fundamental recuperala e para iso pedirá o derrogará do Real Decreto 16/2012 do goberno central. “A atención primaria e a grande afectada e plan de atención a prevención e promoción da saúde en colaboración co Educación e Servizos sociais e diversas entidades“ explicou. Para mellorar a atención primaria é preciso tamén reestruturar a dirección e recuperar xerencias de atención primaria incluíndo unha xerencia de saúde pública para que profesionais teñan unha participación activa e directa.

Paula Quiteiro, número 5 por Pontevedra, amosou nesta mesma presentación en Vigo o rexeitamento de En Marea as políticas privatizadoras do PP e a intención de En Marea de reverter todas as privatizacións incluída a recuperación para o público do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Para elo En Marea realizará unha auditoria para estudar as posibilidades legais, administrativas e económicas de cada unha das privatizacións para ir pouco a pouco e en orde de prioridade recuperando a nosa sanidade pública. Así mesmo, a longo e medio prazo prescindirá dos concertos sanitarios tras reducir os desvíos a privada que día a día está a levar a cabo o Partido Popular.

A número 3 de En Marea por Pontevedra, Eva Solla, salientou o programa de En Marea para acabar coas listas de espera. “Entendemos que os recursos públicos están agora mesmo infrautilizados e antes e acometer traslados pensamos que teñen que se utilizar os servizos públicos en quendas de maña e tarde para ir reducindo as listas de espera“ explicou Eva Solla. Neste sentido destacou a necesidade de recuperar as equipas de traballadores e traballadoras sanitarias que levan sufrindo a precariedade e os recortes durante estes anos de goberno de Núñez Feijóo. En Marea sacará concursos públicos de emprego ao longo da lexislatura co obxectivo de recuperar esa calidade asistencial tanto en atención primaria como en especializada.

Eva Solla referiuse de xeito especial á saúde mental unha das grandes esquecidas estes anos e para a que asegurou é necesario recuperar a planificación sanitaria desde o punto de vista comunitario en saúde mental, implantar enfermería especialista de saúde mental e  psicólogos e psicólogas clínicas, e reforzar as unidades en canto a especialización. Un punto importante é a integración do programa de prevención das drogodependencias dentro do sistema de saúde público.

En Marea considera urxente dotar dos recursos necesarios para atender a persoas con Trastorno Mental grave, para que o seu soporte non recaia, como agora, nas asociacións de familiares. É necesario reintegrar e normalizar a vida das persoas con patoloxía mental grave que estaban institucionalizadas, e non a costa de derivalas a institucións sociosanitarias que non teñen recursos para a súa atención. Son necesarias Unidades de Saúde Mental ben dotadas e coordinadas con recursos sociais e atención primaria.

Outra das necesidades destacadas esta mañá por En Marea é a imperiosa a dotación de unidades de psicoxeriatría nun país envellecido, con gran prevalencia de patoloxías crónicas como as demencias, así como a dotación de recursos de atención á dependencia que eviten tamén a sobrecarga das persoas coidadoras, maioritaria e inxustamente mulleres. E finalmente non podemos esquecer as necesidades de atención á saúde mental infantoxuvenil na área sur de Galicia, actualmente precarizada.

En Marea levará a cabo estas mudanzas nun  contexto de participación cidadá que democratice o sistema, fomentando o contacto e relación entre asociacións de doentes e o empoderamento dos pacientes no exercicio da súa Autonomía facendo valer os seus dereitos conforme aos principios básicos da bioética.

Para abordar todas estas necesidades o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, comprometeuse en Santiago de Compostela co desenvolvemento dun novo Plan de Saúde Mental que avalíe as necesidades para cada área sanitaria que dea resposta sanitaria e social ás mesmas, especialmente a aqueles sectores de poboación mais vulnerables e en condición máis grave. Potenciar o desenvolvemento da sanidade pública, dos servizos sociais públicos, das políticas activas de emprego e das medidas de protección social  “porque son medios básicos para reducir o dano á saúde mental e o sufrimento, empeorado no actual contexto de crise económica“.

“En Marea traballará por defender os dereitos sociais e sanitarios conquistados democraticamente pola nosa sociedade como elemento imprescindible para a convivencia social e do respecto aos dereitos dos máis febles, nomeadamente dos enfermos mentais.  Consideraremos aos profesionais, aos usuarios e ao seu entorno no deseño da planificación, avaliación, coordinación e desenvolvemento de recursos necesarios para obter os mellores resultados posibles na atención á Saúde Mental das persoas. E garantiremos a asistencia Universal nun modelo integrador e comunitario“ declarou Villares.

En Marae concretará as súas liñas de acción:

  1. Actuando en primeiro lugar na dignificación da Atención Primaria, primeiro chanzo de acceso ao sistema sanitario, fundamental para a primeira detección e abordaxe de enfermidade mental.
  2. Potenciará a coordinación cos recursos sociais necesarios para establecer un continuo asistencial e de protección da integridade das persoas.
  3. Atenderá as necesidades de saúde mental e emocional das mulleres vítimas de violencia machista, así como garantiremos o enfoque con perspectiva de xénero nas repercusións en saúde que a desigualdade exerce sobre as mulleres.
  4. Reforzaremos a dotación de recursos no primeiro dispositivo asistencial especializado, as Unidades de Saúde Mental, que deberán coordinarse cos Centros de Saúde.
  5. Dará prioridade a atención ao trastorno mental grave de modo que o seu sostemento non recaia case en exclusiva sobre asociacións de familiares, e traballaremos pola normalización da vida dos enfermos institucionalizados, dispoñendo recursos sociosanitarios axeitados ás súas necesidades.
  6. Desenvolverá o Plan Galego de Atención ao suicidio que as asociacións profesionais veñen demandando en resposta ao aumento de casos e ás consecuencias das políticas de recortes.
  7. Creará unha unidade de atención á saúde mental infantoxuvenil na área sur de Galicia
  8. E valoraremos a dotación de unidades de psicoxeriatría no noso país envellecido, con grande prevalencia de cronicidade, onde os recursos de atención á dependencia non son os suficientes.

Todas estas medidas desenvolveranse nun contexto de xustiza social e distributiva onde a equidade sexa o principio ético reitor das nosas decisións en política sanitaria.