En Marea reivindica a gratuidade e transferencia da AP-9 e rematar coa “política de amiguetes” do PP

En Marea reclamou a gratuidade e a transferencia a Galicia da Autotestrada do Atlántico
Publicado por o día 14/06/2016 na sección de Elecciones 26J,En Marea,Vigo

En Marea reivindica a gratuidade e transferencia da AP-9 e rematar coa “política de amiguetes” do PP

Dende unha das pasarelas peonís sobre a AP-9 en Chapela (Redondela), En Marea reclamou a gratuidade e a transferencia a Galicia da Autotestrada do Atlántico, unha petición que xa fora levada ao Congreso polos nosos deputados e deputadas na pasada lexislatura.

“A AP-9 é a vía que vertebra o noso país e cremos que está absolutamente amortizada e que debemos rematar coa política de amiguetes do Partido Popular, máis cando xa levan ingresados 2.400 millóns de euros en 36 anos”, denunciou a cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra ALEXANDRA FERNÁNDEZ, en alusión á renovación da concesión a Audasa ata o 2.048 por parte do Partido Popular. “Na pasada lexislatura xa trasladamos esta iniciativa que volveremos manter na vindeira porque cremos que é unha das cuestións principais que afectan á cidadanía galega”.

Por outra parte, para En Marea os poderes públicos teñen capacidade para obrigar a racionalizar as tarifas e a xestión da autoestrada. A AP-9 ten algún dos treitos máis caros das autoestradas de todo o Estado e a segunda con máis queixas dos usuarios. “Non se aplica ningún tipo de rebaixa nos custes da peaxe e o seu mantemento é cada vez peor. Tamén se recorta en persoal nas cabinas de peaxe que dean servizo aos condutores e por todo isto e tal e como defendemos estes meses no Congreso cremos que é o momento de transferir a AP-9 a Galicia para que poidamos xestionala dende aquí.Non imos seguir pagando as consecuencias de que regalen as infraestruturas que son o ben común de todos e todas aos seus amigos. Estamos fartos e fartas da política de amiguetes e é o momento de poñer no centro das decisións políticas os intereses da cidadanía”, engadiu a n.1 da lista ao Congreso por Pontevedra

Dende En Marea tamén apelamos á coherencia do PP e do PSOE nunha cuestión tan relevante para Galicia, pois recuperar a concesión da AP-9 beneficiaría económicamente todo o país e facilitaría a cohesión territorial.  “Sorprende a incoherencia do PP e PSOE que por un lado din que apostan pola gratuidade pero cando chega a verdade de votar no Congreso bótanse para atrás. Por iso é importante que vaiamos con forza ao Congreso e obrigalos a que teñan que votar alí o que predican en campaña”, censurou Alexandra Fernández.

En Marea alerta de que Audasa acumula 1251 millóns de excedentes de explotación (segundo os informes da empresa de 2014), mentres incrementa os prezos e mingua a calidade do servizo. Estes resultados repítense dende a renovación da concesión en 2001, é dicir, que Audasa ten sobradamente amortizados os custes de construción. A concesionaria está a incrementar dun xeito desorbitado os prezos das peaxes, excluíndo ás persoas con menor capacidade económica e dificultando así a viabilidade de moitas empresas locais que necesitan do transporte por autoestrada para poder desenvolver a súa actividade produtiva.