En Marea reivindica máis recursos públicos contra a sinistralidade laboral

A deputada de En Marea Yolanda Díaz recordou hoxe na Comisión de Emprego que “os accidentes laboráis graves aumentaron trala última contrarreforma laboral do PP”
Publicado por o día 26/04/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea reivindica máis recursos públicos contra a sinistralidade laboral

En Marea, de maneira conxunta co resto do grupo parlamentario Podemos-En Comú Podem defendeu hoxe na Comisión de Emprego no Congreso que o Goberno incremente os recursos públicos destinados á Prevención de Riscos Laborais, poñendo especial énfase nas causas que os propician e na prevención dos sinistros máis graves e letais.

Yolanda Díaz, que comezou a súa intervención recordando as máis de 500 vítimas por esta causa no conxunto do Estado e os máis de 450 mil accidentes laboráis, asegurou que estes datos “causan alarma social e veñen a enmendar a globalidade das políticas que neste eido está practicando o PP, que permite con espantosa naturalidade que as traballadoras e os traballadores morran nos seus postos de traballo.”

En Marea tamén esixe que o Congreso inste ao Goberno a incrementar os planteis de inspectores e inspectoras de traballo para aproximalo á media europea e que aumenten de xeito significativo as partidas dedicadas a plans de prevención nos sectores produtivos de alto risco.

Para Yolanda Díaz o aumento dos accidentes graves e mortais en España ten moito que ver coa última “contrarreforma laboral do PP, coa que anularon a negociación colectiva, especialmente sensible con esta cuestión, e deixaron as xornadas, os salarios, a mobilidade e propia prevención a disposición única dos empregadores”.

A portavoz de En Marea na Comisión de Emprego do Congreso tamén cuestionou a Lei de Mutuas do Partido Popular que “vai na senda de privatizar a saúde e a vixilancia da saúde dos traballadores e traballadoras, buscando perseguir un suposto absentismo laboral que a propia Ministra de Emprego valorou no 0.04%”. “Deberían ruborizarnos os sinistros laboráis que temos sobre a mesa e queremos saber que está facendo a Fiscalía da materia para paliar estes efectos”.

Para En Marea é grave que non se executen sancións ás empresas que incumpren a normativa en materia de Seguridade Laboral e alertou nun repunte grave na desigualdade nesta materia. “A sinistralidade laboral ten cada vez máis rasgo de muller”, concluiu Yolanda Díaz.

PRENSA EN MAREA