En Marea reivindica en Teis o pequeno comercio como base da economía

Os candidatos pediron no barrio vigués o apoio da cidadanía para levar á Xunta un goberno que poña os intereses da xente sobre calquera outro e que lle devolva a capacidade de decidir sobre as cuestións que afectan á súa vida.
Publicado por o día 16/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,En Marea,Vigo

En Marea reivindica en Teis o pequeno comercio como base da economía

En Marea recalou hoxe venres na praza do Mercado de Teis para remarcar o compromiso da candidatura co comercio de proximidade e os pequenos empresarios, verdadeira base económica do tecido do país. O acto contou coa presenza das candidatas Carmen Santos, Paula Quinteiro e Juan Merlo, acompañados nesta ocasión pola deputada en Cortes Alexandra Fernández.

A número un pola provincia, Carmen Santos reivindicou o papel nas loitas sociais e na transformación da realidade galega que desempeñou a cidade de Vigo, da que dixo que “é unha cidade que se formou a si mesma, coa loita e o traballo”, algo que “foi un punto de referencia para min e moitas de nós, que vimos como dende o metal ao mar, os traballadores e traballadoras viguesas daban exemplo na loita polos dereitos da xente común”.

Santos tivo tamén palabras para o Partido Popular, ao que dixo “non consentirlle que digan que son os máis preocupados polas pensións, nin que sigan usurpando a capacidade de decisión que como cidadás nos corresponde”.

No tocante ás cuestións programáticas, Carmen Santos resaltou a importancia de rescatar a concesión do Álvaro Cunqueiro, para convertelo nun hospital “cen por cen público, onde os cartos da cidade revirtan na cidade e non nos bolsillos dos amigos”.

Juan Merlo, número catro pola provincia, falou da necesidade de reverter as políticas lesivas para o pequeno comercio, “onde é preciso fomentar o emprego”, porque “eses empresarios e empresarias que teñen problemas para chegar a fin de mes e que ven como as vendas baixan mes tras mes, esas traballadoras e traballadores son a nosa xente, á que lle pedimos a súa confianza o 25 de setembro para levar á Xunta un goberno que verdadeiramente se preocupe por eles e lles aporte solucións”.

Paula Quinteiro, que ocupa o quinto posto na candidatura, reivindicou a capacidade de “tomar aquelas decisións que afectan á nosa vida”, idea que contrapuxo coas formas “dese Partido Popular de Feijóo, que é o mesmo que reformou o artigo 135 da Constitución para darlle prioridade ao pago da débeda por riba do benestar da xente”. “Algo falla nun país no que hai milleiros de casas baleiras e moitas familias sen casa” e puxo en valor á cidadanía “que reclamou e loitou por ter liñas de bus ao Álvaro Cunqueiro, que se movilizou pola defensa e o saneamento das nosas rías”. “Esa é a nosa xente”, rematou, “a xente común e a ela nos debemos”.

Alexandra Fernández centrou a súa intervención nas “competencias anémicas” que o actual modelo deixou en Galicia, e insistiu en que “En Marea será decisiva para recuperar e ampliar a capacidade de decisión sobre os temas que nos afectan”.