En Marea reivindica unha nación alegre e combativa no seu acto político do Día da Patria baixo o lema “A Galicia que queremos”

Publicado por o día 25/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea reivindica unha nación alegre e combativa no seu acto político do Día da Patria baixo o lema “A Galicia que queremos”

Á sombra dos carballos do parque compostelán de Vista Alegre, En Marea celebrou o seu acto central con motivo da Día da Patria nun acto lúdico-festivo pero tamén cunha forte carga política. As intervencións de representantes de colectivos sociais, sanitarios, animalistas, medioambientais abriron a rolda reivindicativa de “A Galicia que Queremos”, que clausurou o voceiro Luís Villares.

Luís Villares comezou a súa intervención rexeitando “o acto covarde de violencia machista que volveu onte como un iceberg dunha estrutura patriarcal que non se resiste a deixar de ser un cancro da nosa sociedade”, en referencia á agresión de violencia machista acontecida onte pola tarde en Compostela. Proseguiu o voceiro de En Marea reivindicando un espazo político que sexa “Fénix e voe das cinzas que deixaron outros”.

“A Galicia que queremos” como lema deu paso a un discurso no que Villares fixo un percorrido pola “estafa xerada pola crise, dende os recortes en servizos sociais, o empeoramento da sanidade, da educación, do ensino, das pensións, onde se nos rouba o futuro”. Villares tamén tivo palabras para “o millón de vacas que nos roubaron no rural, ou as 2.300 familias que quedaron sen casa o ano pasado e as 108.000 persoas desempregadas a maiores que temos dende hai oito anos”.

Todo isto nun clima de corrupción xeralizada que deu lugar a unha Galicia resignada, minguada e sen dereitos. “Non queremos esta Galicia, non queremos este país, as maiorías sociais non queren isto para o seu presente e moito menos para o seu futuro”, denunciou o voceiro de En Marea que dixo que “por iso agromou un movemento de rebelión cidadá, unha nación alegre e solidaria, combativa e defensora do ben común”.

“Temos un proxecto cidadanista que tivo e terá nas mareas municipais o primeiro exemplo de traballo de unidade popular, o primeiro exemplo de empoderamento cidadán onde ningúen está por riba da cidadanía”, continuou Villares defendendo a herdanza e o traballo da política local, que considerou fundamental para que “a sociedade teña un estado de opinión diferente” e sexa posible o cambio en todo o país. “Estamos construíndo un espazo permeable onde non se lle pide filiación nin carnés a ningúen”.

En declaracións a medios Luís Villares tamén se referiu á “árbore dos desexos” que integrou En Marea no seu acto festivo de hoxe como un exemplo dun cambio de fase dunha En Marea de impugnación, “agora estamos na fase do compromiso, de deseñar unha alternativa en triple clave: ruptura democrática con participación plena da cidadanía, reconfiguración do carácter plurinacional do Estado e unha blindaxe clara dos dereitos sociais, como a renda social básica ou unha vivenda digna.

Acto políltico cos colectivos sociais

Co mesmo título que o lema central do Día da Patria, “A Galicia que queremos” En Marea convidou a falar no seu acto político central a un nutrido grupo de representantes de colectivos sociais. Comezou por SOS Sanidade Pública Maribel García, que criticou duramente as políticas de recortes do PP no eido sanitario. Cruz Villaverde, de Salvemos a Fracha, expresou o seu desexo de contar algún día con políticos que se senten a escoitar a cidadanía e deixen de operar só con criterios de enriquecer ás grandes empresas, como está acontecendo coa construción da A-57 de xeito paralalelo á AP-9. A voz de Arelas, foi Daniela Fernández, que se amosou convencida de que “algún día chegará o momento de ver recoñecidos os dereitos das persoas trans”.

Pepa Vázquez, de Boa Vida e Charo Baamonde, de Amarante, reivindicaron para Galicia dereitos en igualdade nunha nova sociedade que non deixe a ninguén atrás, nacese onde nacese. Especialmente duro coas políticas do PP foi Rubén Pérez do colectivo animalista Libera que dixo que “vivimos nun país onde se sufragan touradas con cartos públicos e logo se qere sancionar a quen recolle un animal abandonado”.

Antes da intervención final do voceiro, escoitáronse as voces de dous mozos emigrados, Sabela e Lourenzo, que expresaron o seu desexo de poder vivir e traballar na terra en que naceron.

O acto proseguiu cunha sesión vermú, amenizada pola Fanfarria Takicarcia, un xantar campestre e pola tarde continuarán as actividades para os máis pequenos e a música.