En Marea reúnese coa Asociación en Defensa da Ría para estudar as medidas a adoptar con Ence e Elnosa

Yolanda Díaz denuncia o fenómeno de corrupción político empresarial que é ENCE e que conta conta connivencia dos gobernos do Partido Popular.
Por o 13/08/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política,Pontevedra
En Marea reúnese coa Asociación en Defensa da Ría para estudar as medidas a adoptar con Ence e Elnosa

En Marea reuniuse esta mañá coa Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra para analizar que iniciativas se poden levar a cabo tanto no Congreso coma no Senado e no Parlamento de Galicia en relación ao futuro de Ence e Elnosa. A esta xuntanza asistiron por parte de En Marea, as deputadas no Congreso, Yolanda Díaz, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez, a senadora Vanessa Angustia e o deputado no Parlamento, Marcos Cal.

Na rolda de prensa posterior, a voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, sinalou que tanto no Congreso como no Senado se presentaron xa diferentes iniciativas en relación a “unha das maiores agresións medioambientais que temos no noso país, que é a que está vencellada directamente a todo complexo industrial de Ence e o que leva consigo”.

Díaz Pérez destacou que unha das máis relevantes foi a interpelación coa posterior moción que se debateu no pleno do Congreso en relación á mellora das nosas rías, onde a diario se seguen a vulnerar as normativas europeas existentes, algo que desde a Unión Europea nos lembran a diario, xa que non deixamos de recibir continuamente expedientes infractores”, o que pon de manifesto que o Partido Popular está gobernando moi mal ao respecto, cando o saneamento das nosas rías e en especial da Ría de Pontevedra debería ser o piar fundamental sobre o que debemos traballar, tanto por razóns ambientais como por razóns de saúde pública.

A voceira de En Marea no Congreso destacou que trala xuntanza mantida hoxe coa APDR, “nos comprometemos a seguir defendendo primeiro o medioambiente, pero tamén a legalidade no noso país, por tanto seguiremos denunciando ese fenómeno de corrupción político empresarial que é ENCE, un fenómeno que non só de agresión ambiental senón, con absoluta connivencia da Xunta de Galicia e do Goberno no Estado, de corrupción”. “Non nos esquezamos  – lembrou Yolanda Díaz – que a prórroga a ENCE se concede nos últimos días do Goberno en funcións de Mariano Rajoy, o que é unha golfería”.

Así, En Marea vai presentar, tanto no Congreso dos Deputados, coma no Senado e no Parlamento de Galicia iniciativas para sacar ENCE da Ría de Pontevedra, e para iso, destacou Yolanda Díaz, “temos o compromiso do PSOE, para traballar bilateralmente nesta cuestión, por tanto é importante que desde os grupos políticos vaiamos avanzando nesta cuestión”.

Finalmente, a voceira de En Marea no Congreso sinalou tamén “a importancia que ten a definición dun novo modelo productivo, algo que afecta directamente a Elnosa, que ten que eliminar o mercurio das súas producción, e por iso imos solicitar a paralización da súa actividade unha vez remate a prórroga que teñen concedida” ata o 11 de decembro de 2017, “hai unha obriga que teñen que cumprir e desde En Marea imos traballar para que isto se cumpra”.

Así, sentenciou Yolanda Díaz, “imos levar adiante estas iniciativas en defensa dos intereses do noso pobo e neste caso tamén en defensa dos intereses do pobo de Pontevedra”.
Pola súa banda, o deputado no Parlamento de Galicia, Marcos Cal, sinalou que con outra política forestal en Galicia, ENCE estaría xa fóra da Ría de Pontevedra.

As representantes de En Marea tamén denunciaron o sistema de corrupción que sobrevoa as directivas tanto de Ence como de Elnosa, onde se misturan as actividades políticas cos beneficios económicos que reciben diversos directivos, tal e como sinalou a senadora Vanessa Angustia, que con anterioridade ostentaron cargos de responsabilidade en diferentes gobernos do Partido Popular. Neste senso incidiu a deputada no Congreso, Ángela Rodríguez, quen manifestou que Ence e un dos máis claros exemplos de portas xiratorias do Partido Popular en Galicia.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.