En Marea reúnese cos afectados e afectadas pola hepatite C no Congreso para preparar varias iniciativas

Publicado por o día 19/01/2017 na sección de Eventos

En Marea reúnese cos afectados e afectadas pola hepatite C no Congreso para preparar varias iniciativas

A deputada de En Marea, Ángela Rodríguez-Pam, reuniuse este martes e mércores con varias organizacións de afectados pola hepatite C para preparar varias iniciativas e tratar os contidos a defender no monográfico sobre esta cuestión que se celebrará o próximo 24 de xaneiro na Comisión de Sanidade e Servizos Sociais do Congreso dos Deputados.

Rodríguez ofreceu unha rolda de prensa xunto con Quique Costas, presidente da Plataforma Galega de Afectadas e Afectados da Hepatite C, para valorar estas reunións, abordar o plan estratéxico e comentar a situación actual na que se atopan as afectadas e afectados.

“Apoiamos a proposta de revisión do plan estratéxico da hepatite C redactado polo Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade que foi pechado en falso e onde faltan unha boa parte dos aspectos, como o financiamento”, asegurou a deputada Ángela Rodríguez.

“Na reunión falamos de como se aplicou, ou máis ben de como non se aplicou o plan estratéxico nacional que entrou en vigor fai un ano e medio. Durante este tempo constatamos que o que era en principio un plan de saúde pública, á hora de xestionalo corrompeuse para converterse nun plan de dispensación de tratamentos. Esto ten que ver coa ideoloxía coa que se xestiona o plan”, asegurou Quique Costas.

O presidente da plataforma considera que “non hai na xestión do plan unha vontade do PP para que sexa un verdadeiro plan de saúde pública, se non que se corresponde cun xeito de entender a xestión sanitaria como algo que consiste en traspasar fondos públicos a mans privadas, neste caso pola vía dos tratamentos”.

Rodríguez considera que é “importante facer políticas de saúde pública que poñan o foco na prevención da transmisión do virus e por iso hai que tratar de facer fronte aos repartos de poder que fan que a industria farmacéutica se lucre poñendo prezos desproporcionados para medicamentos cuxa investigación se basa en investigacións previas financiadas con diñeiro público e que deberían retornar á sociedade”.

Ante esta situación, En Marea propón plantexar “alternativas a un modelo ineficaz, inxusto e errado das patentes de medicamentos e que será unha das tarefas á que máis esforzo adicaremos  durante esta lexislatura porque pensamos que é o mellor xeito de asegurar que outras persoas non volvan pasar polas dificultades que están pasando as afectadas polo virus da hepatite C”.

Entre outras cuestións, tamén se tratou a falta de información e formación neste virus, cando máis do 70% dos doentes non foron detectados, ou a falta de transparencia no plan estratéxico, coa denuncia por parte dos afectados e afectadas da “falta de datos fiables de cantas persoas se trataron, canto diñeiro se gastou ou como se repartiu”.

A deputada e o presidente da plataforma tamén trataron as dificultades do tratamento na poboación reclusa ou o proceso xudicial do xulgado número 3 de Santiago de Compostela contra dous altos cargos do Sergas pola xestión que se fixo da hepatite C en Galicia.