En Marea reúnese con representantes do goberno de Lalín para escoitar as demandas do Deza e trasladalas ao Congreso

Solucións para o sector lácteo, a rebaixa das peaxes da AP-53 e a preservación da Fraga de Casas Vellas centraron as demandas trasladadas a En Marea
Publicado por o día 15/04/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea reúnese con representantes do goberno de Lalín para escoitar as demandas do Deza e trasladalas ao Congreso

Esta tarde a portavoz de En Marea, Alexandra Fernández, e a senadora Vanessa Angustia participaron nun acto de rendición de contas en Lalín, programado na #RutaEnMarea cumprindo co compromiso electoral de percorrer o país dando explicación do traballo realizado no Congreso durante estes meses e recepcionando as propostas que a cidadanía considera que deben chegar á Cámara Baixa.

“Non queremos quedarnos só nas cidades, faremos o traballo de ir por todas as comarcas do país para recoller información e ir artellando o proxecto de país que queremos”, comezou Alexandra Fernández, que tamén informou do traballo desenvolvido polos diferentes deputados nas comisións e do proceso de negociacións para un goberno de cambio. “O problema non é Cataluña, o PSOE pechouse rotundamente a meter man ás grandes empresas e ás sicav”, engadiu Fernández.

Pola súa banda, a senadora Vanessa Angustia deu conta do traballo realizado na Cámara Alta. “No Senado traballamos cunha dificultade maior, pois o PP ten maioría absoluta e bloquea toda a nosa actividade. De aí que o noso traballo se estea centrando en presentar mocións, no caso de En Marea apostamos dende o comezo pola defensa dos sectores primarios pero tamén queremos escoitar as vosas propostas e para iso estamos aquí”, sinalou Vanessa Angustia, que tamén reivindicou a necesidade urxente de converter o Senado “nunha verdadeira Cámara de representación territorial”.

Antes do econtro aberto de rendición de contas, En Marea mantivo unha xuntanza con representantes do goberno municipal de Lalín, que lle transmitiron os tres grandes problemas que afectan á comarca e que En Marea levará ao Congreso: unha proposta para o sector lácteo que garanta prezos xustos para os gandeiros, a rebaixa das tarifas das peaxes da AP-53 e que se modifique o trazado da liña de alta tensión O Irixo-Lalín para preservar a Fraga de Casas Vellas.

PRENSA EN MAREA