En Marea solicita as comparecencias do Ministro de Fomento e Presidente de AFID pola omisión de documentos de ADIF na causa do Alvia.

Alexandra Fernández urxe a Catalá a dar explicacións no Congreso e afirma que “feitos como este demostran ás claras a falla de colaboración coa xustiza por parte de Fomento”.
Publicado por o día 05/10/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea solicita as comparecencias do Ministro de Fomento e Presidente de AFID pola omisión de documentos de ADIF na causa do Alvia.

A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, solicitou onte a comparecencia do Ministro de Fomento, Rafael Catalá, e do Presidente de Adif, para que expliquen en sede parlamentar as razón de ter “omitido por erro” durante tres anos a entrega ao Xulgado do caso Alvia de documentación relativa ás análises de risco da liña de alta velocidade Ourense-Santiago requeridos ao inicio da instrucción.

A deputada de En Marea demanda a Catalá que dea explicacións no Congreso canto antes polas “evidentes dúbidas existentes respeito á colaboración coa xustiza garantida por Fomento hai tres anos, ao comezo do proceso xudicial sobre o sinistro de Angrois”. Para Alexandra Fernández e “perante feitos como este, está en cuestión que Fomento, Adif e Renfe colaborasen de verdade coa xustiza, máis ben adicáronse a poñer paos na roda co único obxectivo de que o proceso concluise coa culpabilidade única do maquinista do Alvia”.

“Fomento só buscou que se sentenciase a teoría do culpábel único: o maquinista”

“Está claro, apunta, que se adicaron a obstaculizar todo o que puideron o proceso, e agora debido á reapertura do caso, seguen a practicar xogos malabares”. De feito, os 300 folios entregados no día de onte analízanse riscos xenéricos da liña, pero non se avalia o risco na curva de Angrois, a zona máis perigosa”, afirma Alexandra Fernández. Para a parlamentar de En Marea “o Ministerio de Fomento só procurou que se sentenciase a teoría do culpábel único: o maquinista, e opacar como fose as posíbeis responsabilidades políticas”.

A deputada de En Marea subliña que “feitos como estes, fan que a demanda da Comisión de Investigación do Alvia no Congreso cobre aínda máis forza. Hai sobrados argumentos que xustifican a súa necesidade, especialmente cando fican ás claras as manobras de Fomento co único propósito de eludir as responsabilidades políticas que existen no caso do accidente do Alvia, tal e como puxeron de manfiesto multitude de ocasións as vítimas, así como desde o ámbito político”.

Alexandra Fernández alude ás noticias coñecidas hoxe en informacións xornalísticas, que sinalan que a documentación sobre as análises de riscos da liña Santiago-Ourense, entrada polo Adif o pasado luns, foi actualizada a partir de abril deste ano.

“Catalá debe comparecer canto antes no Congreso e respostar a toda esta sucesión de feitos, así como aos interrogantes que todas estas información suscitan”.