En Marea solicita a comparecencia de Tejerina polo duro recorte na pesca de xurelo

Alexandra Fernández e Antón Gómez-Reino consideran que a titular de Pesca debe explicar a xunta do Consello de Ministros de Pesca da UE onde se aprobaron as cotas pesqueiras e explicar a posición do Goberno español.
Publicado por o día 15/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea solicita a comparecencia de Tejerina polo duro recorte na pesca de xurelo

A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, e o deputado por A Coruña, Antón Gómez-Reino, solicitaron onte á tarde a comparecencia urxente da Ministra de Agricultura e Pesca, García Tejerina, para que acuda á sede parlamentaria a informar sobre o acordo adoptado polo Consello de Ministros de Pesca da UE sobre o reparto das cotas pesqueiras e TAC´S para o vindeiro exercicio 2017.

Os parlamentares de En Marea queren que Tejerina explique a posición defendida polo Goberno español na ronda negociadora da UE e que xestións levou a cabo para defender os intereses da nosa pesca. Ademáis, piden que a Ministra informe sobre as previsións que manexa para proceder á distribución das 41.000 toneladas obtidas entre as distintas flotas pesqueiras, nomeadamente a galega.

Hai duros recortes nas cotas que afectan a frotas pesqueiras galegas

Xunto coa solicitude de comparecencia, Alexandra Fernández e Gómez-Reino, rexistraron unha pregunta parlamentar na que formulan unha batería de preguntas ao Ministerio. Así preguntan pola avaliación da Ministra sobre o acordo acadado que contempla “un severo recorte na pesca de xurelo do Cantábrico, que sofre unha redución do 23%”, un recorte na pesca de rapante ibérico do 15%, e do rapante en zonas VII e VIIIabde dun 25%, ademáis da redución na cota de pescada ibérica do 1,4%”. Reducións pesqueiras que provocaron o malestar da frota de cerco, e frotas de Vigo ou Marín.

Preguntan ao Ministerio “en que se basou a UE para proceder a unha reducción tan forte das cotas de xurelo do Cantábrico. Non foi posíbel atenuar este importante recorte?”, que contrasta co sucedido coa pescada ibérica para as que as previsións da UE fixaban recortes de máis do 20% que logo ficou nun 1,4%. “Por que cambiou a UE a súa posición en relación á pescada?”.

Os parlamentares de En Marea queren saber como vai distribuir o Ministerio as 41.000 toneladas e canto lle vai corresponder aos distintos sectores pesqueiros do estado. E piden que a Ministra aporte os informes e estudos socioeconómicos que tería levado a Bruxelas.

Alexandra Fernández e Gómez-Reino consideran que Bruxelas na súa proposta previa á negociación plantexou durísimos recortes como estratexia típica dun proceso de negociación para logo chegar a un acordo intermedio. “Unha estratexia que xa é unha vella coñecida”. Poñen de manifesto que “a situación pola que atravesa o noso sector pesqueiro non é precisamente boa debido a estar sometido a continuos recortes de cotas, escasez de caladoiros, e agora o tema das descargas”. Demandan a Tejerina que o Goberno español defenda  na UE unha política pesqueira racional, que teña ne conta os aspeitos socioeconómicos e o respecto pola biodiversidade, con informes científicos rigurosos e que se oferezan garantías de futuro ás nosas flotas pesqueiras en lugar de condenalas ao desguace”.