En Marea solicitou este luns pola mañá en ambas cámaras as comparecencias urxentes da ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina; a ministra de Defensa, María Dores de Cospedal; e do ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, co obxectivo de que expliquen o operativo despregado ante a crise social e medioambiental causada polos incendios que asolan Galicia, así como as medidas que van poñer en marcha.
“Damos o pésame ás familias das vítimas no noso país, en Galicia, e tamén aos falecidos Portugal e recoñecemos o traballo dos profesionais que se xogan a vida”, comezou a voceira de En Marea, Yolanda Díaz, lembrando que xa son 4 os falecidos.
A deputada asegurou que “é tempo de reformular as políticas forestais no noso país e rematar coa economía do lume que favorece o negocio dos incendios”.
A voceira de En Marea pediu tamén “a prohibición dos eucaliptos” e denunciou “os despedimentos de brigadistas e os recortes de Feijóo nos servizos forestais”.
A senadora galega de En Marea, Vanessa Angustia, solicitou tamén a comparecencia de Miguel Alcañiz, xeneral ao mando da UME; Vicente Pérez Pérez, Xeral Xefe da Xefatura do SEPRONA e de Antonio Vercher, fiscal de sala coordinador de medio ambiente.
“O obxectivo é analizar tanto as circunstancias que están na orixe dos incendios como a resposta que as autoridades competentes deron a unha situación de extrema gravidade. O que está sucedendo en Galicia é unha auténtica traxedia medioambiental”, apuntou a senadora, que engade que “Galicia pode tardar décadas en revertir o dano medioambiental que van causar os incendios que están devorando a nosa terra”.
Noticias de última hora en Vigo