En Marea solicita a creación dun fondo de indemnización para víctimas do amianto

A deputada Yolanda Díaz sinala que Ferrol é a cidade europea con máis casos rexistrados.
Por o 02/11/2016 | Sección: En Marea,Política,Salud,Vigo
En Marea solicita a creación dun fondo de indemnización para víctimas do amianto
Compartir en:

O grupo parlamentario de En Marea presentou hoxe no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei instando ao Goberno á posta en marcha do Fondo Estatal de Compensación ás vítimas do amianto. Trátase así de dar cobertura a miles de traballadores en todo o estado afectados polo que xa se denomina “o principal canceríxeno laboral”.
A deputada Yolanda Díaz manifestou, a este respecto, que “é Ferrol o lugar de Europa con máis casos rexistrados de persoas afectadas polo amianto”. De feito, “os asteleiros da cidade departamental, hoxe en situación crítica pola falta de traballo derivada da desidia dos responsables políticos, foron esceario de exposición ao amianto durante décadas”.
Miles de traballadores víronse expostos a este material, unha gran parte xa desde a súa adolescencia ao ingresar, con catorce anos, na Escola de Aprendices da antiga Bazán e desenvolver os seus oficios durante longos períodos laborais carecendo da información referente ás consecuencias do contacto co amianto e sen medidas protectoras ou de seguridade. “Información que foi ocultada conscientemente”, como sinalou a deputada de En Marea, “cando xa se recoñecía o efecto cancerígeno do amianto”.
Ademais dos afectados por contacto directo co amianto, o outro grupo de persoas con máis risco de contraer unha enfermidade relacionada con este material, son as que sufriron unha exposición doméstica. A exposición producíase ao ter que levar a lavar ao domicilio particular roupa de traballo e o calzado os traballadores da fábrica.
Ante esta situación, “que é grave pola cantidade de xente afectada, sería necesaria, segundo indica Yolanda Díaz, a creación en España dun fondo de indemnización para as vítimas do amianto que debería financiar o Estado como responsable subsidiario, e as empresas que traballaron co amianto”.
Doutra banda, en España non se dedica “nin un só euro” á investigación das enfermidades asociadas ao amianto, entre outras os tumores de pleura, de pulmón e de peritoneo, cando as últimas estimacións sinalan que máis de mil persoas falecerán no noso país por un mesotelioma pleural entre 2016 e 2020 e que as defuncións por cancros do amianto prolongaranse até o ano 2040.
O Programa de Vixilancia da Saúde dos traballadores que estiveron expostos a amianto (PIVISTEA) revelouse como un instrumento cLave para que aflore a carga de enfermidade provocada polo amianto. Yolanda Díaz destaca que “potencialo e lograr que a súa cobertura se estenda á totalidade de traballadores que estiveron expostos, moitos dos cales xa abandonaron o mercado laboral, é unha responsabilidade do Goberno”.  Aínda así, conclúe Díaz, “trátase dunha medida imprescindible pero insuficiente para os afectados se o Instituto Nacional da Seguridade Social continúa limitando o dereito das vítimas ao seu recoñecemento económico e social”.
Neste senso, a iniciativa presentada por En Marea recolle, ademáis da solicitude de creación do Fondo Estatal de Indemnización ás vítimas, outras medidas tales como:

  • Mellorar os rexistros xa establecidos como o de empresas con risco de amianto (RERA)
  • Dar acceso á xubilación anticipada, mediante a aplicación dun coeficiente reductor dun ano por cada tres de exposición, a todos aqueles traballadores a partir de 50 anos que traballasen con amianto. Ademais, as vítimas de enfermidades profesionais graves causadas polo traballo con este material (asbestosis, tumores, …) deberán cesar a súa actividade de inmediato sexa cal fora a duración da exposición.
  • Aplicar medidas de protección a poboacións non profesionalmente expostas, pero si afectadas por “exposicións pasivas.”
  • Proceder ás modificacións necesarias da lexislación vixente de cara a posibilitar a ampliación do prazo de responsabilidade civil.
  • Elaborar e aplicar un programa a curto e longo prazo de desamiantado do país.
  • Aplicar con rigor o principio de precaución a outros materiais que veñen e que poden ter características parecidas ao amianto, especialmente os derivados das nanotecnoloxías, ou de fibras cerámicas refractarias de determinadas dimensións, de carácter canceríxenas.