En Marea solicita a devolución dos Orzamentos para 2017 cunha proposta alternativa centrada en blindar os dereitos sociais

Luís Villares: “Todo baixa nestes orzamentos, agás a débeda pública e as reservas de Vega Sicila na adega de Feijóo”
Publicado por o día 16/01/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea solicita a devolución dos Orzamentos para 2017 cunha proposta alternativa centrada en blindar os dereitos sociais

En Marea explicou hoxe o seu posicionamento sobre os Orzamentos da Xunta para 2017 nun debate plenario que cualificou de “puramente propagandístico” pois o PP rexeitou todas as emendas da oposición a unhas contas que persiten na destrución do Estado social, recortando en máis do 50% partidas coma as axudas do Plan Aluga ou as do tiquet eléctrico, destinadas a paliar os efectos da crise nas capas sociais máis desfavorecidas.

“Todo baixa nestes orzamentos, agás a débeda pública e as reservas de Vega Sicilia na adega de Feijóo”, dixo Luís Villares na Cámara galega.

“Temos o mesmo PIB que 2009, pero 110.000 asalariados menos. En Galicia somos máis pobres dende que Feijóo chegou á Xunta e temos a peor evolución do emprego de todo o territorio estatal”, denunciou Luís Villares na intervención na que motivou a emenda á totalidade ó texto orzamentario presentada por En Marea. O voceiro do grupo parlamentario En Marea cualificou de inaceptable que “os que infrinxiron dor innecesaria con consecuencias sanitarias graves, os responsables de denegar os medicamentos aos enfermos da hepatite C témolos sentados hoxe neste hemiciclo defendendo de novo uns orzamentos que non valen para atender as persoas”.

Cunha realidade social cada día máis inxusta, con 4 de cada 10 asalariados cobrando menos de mil euros ó mes e 750 mil persoas en risco de exclusión social, os orzamentos da Xunta para 2017 continúan na senda de agravar as desigualdades, a pobreza, a emigración xuvenil e o devalo demográfico. “Estes orzamentos volven a ser as contas dos recortes, que o PP leva no seu ADN”, sinalou Villares en alusión á míngua do 18% no capítulo de políticas sociais e dun 14% no de Sanidade.

Novo modelo de financiamento

Villares tamén se referiu ó modelo de financiamento autonómico. En Marea calcula que sería preciso incrementar como mínimo en 3.000 millóns de euros os ingresos da Xunta para recuperar os dereitos sociais que se foron perdendo dende 2009. “A autonomía política ten que ter unha dimensión económica, o modelo de status quo que defende o PP non nos vale, queremos un sistema baseado na soberanía fiscal, na cooperación e non na competitividade entre comunidades autónomas”, lembrou Villares antes de amosar o convencemento de que “é posible acadar unha postura de país en materia de financiamento autonómico”.

Lei de Acompañamento: “fraude democrática”

O vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez foi o encargado de defender as emendas á Lei de Acompañamento dos Orzamentos que cualificou de “fraude democrática porque vai modificar vinte leis e tres decretos en hora e media de debate, demostrando unha total improvisación e falta de transparencia en cuestións axiais como a ordenación do territorio, como resultado dunha mistura de fracasos destes gobernos”.

“Pode explicarse a historia lexislativa do transporte público mentres chegaban garrafas de Vega Sicilia a aqueles que tiñan que ver con decisións que afectaban aos intereses dalgunhas empresas, e por suposto dos que enviaban as botellas”, denunciou Sánchez, que tamén puxo como exemplo do modelo empobrecedor para Galicia imposto polo PP as modificacións que achega a Lei de Acompañamento en materia de urbanismo ou de ordenación do monte “sen permitir ningún tipo de debate social nin político”.