En Marea solicita a liberación das peaxes na AP-9 entre Vigo e Tui para resolver a alta sinistralidade da A-55

O deputado de En Marea Marcos Cal vén de reclamar na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, que a Xunta lle demande ao Goberno de Estado a adopción de “medidas necesarias para liberar de peaxes e facer gratuíto o tramo da AP-9 que vai de Vigo a Tui co fin de dar solución á problemática existente na A55 que soporta elevados niveis de densidade circulatoria e sinistralidade”.

“A autovía Vigo-Porriño A-55, continúa tendo o tramo de estrada que contabiliza un maior número de accidentes e vítimas de toda a rede viaria estatal, segundo o informe da Asociación Europea de Automobilista”, lembrou Cal, para quen a solución pasa por liberar de tráfico esta autovía a través da liberación de peaxes da AP-9 e non co “desdobramento innecesario de infraestruturas ao que nos está acostumando o Ministerio de Fomento”

“Se teñen unha opción mellor explíquena”, instou o parlamentario de En Marea ao PP (que votou en contra da iniciativa quedando esta rexeitada) antes de sinalar que este partido no goberno lle “está costando moi caro a Galicia, que segue sendo o punto negro da rede de estradas do Estado”. Cal cualificou de “terrorismo viario”o abandono da Xunta e do Goberno central con respecto a Galicia e referiuse aos beneficios de Audasa coa AP9 no día que se deron a coñecer os incrementos das peaxes. “Se non pensasen só en facer negocio coa autoestradas contra os intereses dos galegos e galegas resolveríanse moitos dos problemas de mobilidade neste país”, engadiu.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM