En Marea solicita reunión da Deputacion Permanente para tratar o acordo de eximir do trámite ambiental a Reganosa

En Marea solicita a convocatoria da Deputación Permanente do Congreso para tratar a decisión do Goberno en funcións de eximir a Reganosa dos trámites ambientais
Publicado por o día 01/06/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea solicita reunión da Deputacion Permanente para tratar o acordo de eximir do trámite ambiental a Reganosa

Os deputados de En Marea Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino solicitaron esta mañá no Rexistro do Congreso dos Deputados unha reunión urxente da Deputación Permanente para debater o acordo do pasado Consello de Ministros de excepcionar á planta de gas Reganosa dos trámites legais de avaliación de impacto ambiental.

“Pedimos a reunión da Deputación Permanente pois estamos diante dun dos casos máis graves de vulneración da separación de poderes no noso Estado. É un caso de auténtica corrupción e cacicada do Partido Popular. O Comité de Emerxencia Cidadá da Ría de Ferrol leva 15 anos loitando en defensa da legalidade e contra unha infraestrutura gasística que temos ubicada no interior da ría de Ferrol e que contravén toda a lexislación vixente”, denunciou Yolanda Díaz á saída do Rexistro.

Sobre a planta de gas de Mugardos pesan 3 sentenzas en contra do Tribunal Supremo. Unha delas, deste mesmo ano, anula os proxectos de execución de Reganosa na ría de Ferrol. A Unión Europea emitiu tamén un contundente informe contra o goberno de España por esta cuestión. “Moitas das vivendas están a escasos 100 metros da planta de gas, é dicir, hai máis de 200 mil persoas en risco grave pola planta de gas. Estamos diante dun caso claro de especulación e de burbulla enerxética, pois estamos retribuíndolle a Reganosa polo menos 55 millóns de euros ó ano. O que lle pedimos á Deputación Permanente é actúe en defensa da legalidade, da seguridade e da vida e que vele pola separación de poderes, pois o Goberno en funcións está invadindo os poderes lexislativo e xudicial, cunha normativa ad hoc para eximir á planta de gas dos trámites que esixe o Tribunal Supremo”, denuncia Yolanda Díaz. E engade que nas últimas semanas varios altos cargos da Xunta foron imputados polo dragado que se practicou ilegalmente na ría de Ferrol tamén en favor da actividade de Reganosa. “Xa dixemos na última comsiión de Industria que só ver as imaxes de onde está situada a planta dá terror”, concluíu Díaz.

Para o deputado e cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, “a cidadanía galega está cansa dun Goberno en funcións que lexisla en contra dos intereses da cidadanía. Fíxoo no caso de ENCE na ría de Pontevedra. Faino agora con Reganosa. Sempre a favor de empresas que teñan sentenzas en contra”. Gómez-Reino que tamén é membro da Deputación Permanente, xunto con Yolanda Díaz, pregúntase “que portas xiratorias están detrás de todo isto e estaremos atentos nos próximos meses quen está tan interesado en beneficiar a Reganosa e se alguén dos que tomou esta decisión acabará no seu Consello de Administración”.