En Marea solicitará á Xunta incluír unha partida nos orzamentos para condonar as débedas ´falsas e inxustas´ das comunidades de montes

Os deputados de En Marea no Parlamento, Paula Quinteiro, Davide Rodríguez e Marcos Cal, e a voceira no Congreso, Alexandra Fernández, reuníronse coa Organización Galega de Comunidades de Montes en Pontevedra para coñecer de primeira man as súas necesidades e demandas.
Publicado por o día 08/11/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea solicitará á Xunta incluír unha partida nos orzamentos para condonar as débedas ´falsas e inxustas´ das comunidades de montes

En Marea mantivo na tarde de onte unha xuntanza cos representantes da Organización Galega de Comunidades de Montes en Pontevedra para coñecer de primeira man as súas demandas e necesidades e tratar determinadas cuestións de máximo interese sobre os montes veciñais en man común que actualmente son obxecto de intervención da Xunta de Galiza e que están a ocasionar serias dificultades para o desenvolvemento desta propiedade comunitaria.

Entre os temas presentados na xuntanza destacou o tema da condonación das débedas. A Xunta de Galiza, para o cumprimento da Lei de Montes quere obrigar as comunidades de montes que manteñen convenio de xestión coa administración autonómica, a que abonen unhas supostas débedas económicas que lles reclaman por supostas inversións feitas, carentes da xustificación necesaria e en todo caso actuacións impostas sen o consentimento dos veciños e veciñas. Medida a aplicar para deixar sen efecto os convenios tal e como denunciaron desde a propia organización.

Así, En Marea instará á Xunta a que inclúa nos vindeiros orzamentos unha partida orzamentaria para condonar as débedas dos MMVVMC consorciados ou conveniados, unha débeda falsa e inxusta que vai encamiñada a lle entregar de balde a xestión destes montes a empresas privadas, unhas 250.000 hectáreas.

A fiscalidade foi outro dos temas tratados. Como explicaron os representantes d organización o Goberno Central inclúe as comunidades de montes como suxeitos do imposto de sociedades, como si de empresas mercantís se tratase, cando son organizacións dentro da economía social sen ánimo de lucro. A Xunta de Galiza, non tivo en conta esta situación e non solicitou de Madrid un tratamento diferenciado para este tipo de propiedade. En todo caso aseguraron, e así se llo fixeron saber no seu dia, as comunidades de montes de estar suxeitas a un control fiscal, sería determinado en Galiza e debatido no Parlamento Galego, xa que este tipo de propiedade está contemplado no Estatuto de Autonomía.

En Marea pedirá a modificación do Decreto 23/2016, do 25 de febreiro polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal, para que a tramitación sexa simple, retirar a cantidade das subvencións da base impoñible e dar un período de amortización de 15 anos para as cantidade recibidas polas expropiacións, xa que ter que investilas entre un e catro anos, e impedir o logro dun monte multifuncional e sustentable.

No relativo as axudas e subvencións, aseguran que a Xunta non ten en conta a representación dos titulares das terras a hora de distribuír fondos como axudas ou subvencións. Actúa sen ter en conta as capacidades económicas das comunidades, e fixa as mesmas porcentaxes para todas as solicitudes. Ademais, este tipo de fondos, debería de ter en conta a estacionalidade á hora do reparto, xa que na maioría dos casos están dedicados a intervencións sobre masas forestais que teñen os seus ciclos vitais. En Marea traballará pola adecuación das liñas de axudas para os traballos do monte tendo en conta a finalidade e estacionalidade dos traballos para que cumpran a súa función e non rematen sendo cartos perdidos.

Ademais das cuestións presentadas, as comunidades de montes carecen da atención e asesoramento necesario por parte da Administración, dando lugar en moitos casos o abandono ou entrega das terras a mans privadas, sendo este un obxectivo calculado pola Xunta de Galiza para favorecer intereses especulativos como os cultivos enerxéticos, eucalipto, entre outros.

Por último, os representantes das comunidades de montes destacaron a necesidade de modificar a Lei de Montes 7/2012 do 28 de xuño na súa sección segunda para que o deslindamento dos MMVVMC volva a ser competencia da Consellería de Medio Rural.