En Marea solidarizase cos pensionistas retornados e comprométese a levar as súas reivindicacións ao Parlamento

Publicado por o día 19/10/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea solidarizase cos pensionistas retornados e comprométese a levar as súas reivindicacións ao Parlamento

En Marea mantivo unha xuntanza esta mañá cos representantes da Asociación de Pensionistas Retornados en Vigo para coñecer de primeira man o traballo que levan realizado durante estes anos e as súas reivindicacións que tal e como afirmou o portavoz, Luís Villares, En Marea comparte plenamente e serán trasladadas polo seu grupo ao Parlamento de Galicia, así como se seguirá a traballar como se está xa a facer polo grupo de En Marea no Congreso dos Deputados.

Villares destacou tres ideas forza tras o encontro, por un lado a necesidade de levar a cabo unha modificación da Lei xeral tributaria para evitar a consideración de dobres pagadores e o tratamento unitario destas pensións. En segundo lugar, denunciar a inxustiza que supón obrigar aos afectados e afectadas a ter que recorrer aos xulgados para que lle sexan outorgadas as compensacións por incapacidade cando noutros casos se fai de xeito automático. Neste senso, Villares destacou que Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) “están dando a razón ao colectivo e pese a iso continúan a obrigar a pasar por un periplo e calvario xudicial cun gasto importante de cartos“. En terceiro lugar, o portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, asegurou que o Tribunal Económico-Administrativo está resolvendo de xeito contrario ao que está a dicir o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que é unha anomalía que debe ser corrixida de xeito inmediato.

Así mesmo, Villares denunciou que xa “o convenio bilateral entre España-Alemania e con relación a Suiza foi modificado no 2003 para dificultar aínda máis este camiño que non é outra cousa que o recoñecemento de dereitos dos traballadores e traballadoras“.

“A nivel lexislativo estamos dando pulso desde o Congreso a unha modificación da lexislación tributaria que dean un tratamento unitario as dúas masas económicas, do pagador do estranxeiro e o de España xa que corresponden a un mesmo concepto e non deberían estar contemplados desde o réxime xeral de dobre pagador“ informou Luís Villares que engadiu que “do que se trata é de non complicarlles máis a vida polo feito de ter traballado no estranxeiro“.