En Marea tece unha alianza coas forzas de cambio do resto do Estado como solución perante o inmobilismo da Mesa do Congreso controlada polas forzas do vello réxime

Publicado por o día 20/01/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea tece unha alianza coas forzas de cambio do resto do Estado como solución perante o inmobilismo da Mesa do Congreso controlada polas forzas do vello réxime

En Marea, que se presentou con voz propia ás eleccións xerais do 20D, resolveu o bloqueo da Mesa do Congreso ao grupo parlamentario creando unha alianza estratéxica e fraternal coas forzas que no resto do Estado trouxeron o cambio e a ruptura coa vella política: o grupo plurinacional Podemos-En Comú Podem- En Marea.

“Esgotamos as vías de diálogo e atopamos unha negativa rotunda a entender a realidade plurinacional. Non quixemos deixar que nos seguisen marcando o camiño e a creatividade fíxonos buscar unha solución cos demáis aliados pola ruptura co Réxime. Esta é a mellor opción dentro das posibles para representar as diferentes voces que saíron do 20D. Os partidos do búnker seguirán sen entender nada”, declarou a portavoz de En Marea Alexandra Fernández.

“Hai xente que se cre que é propietaria desta casa e pensa que pode xogar coa vontade de millóns de votantes. Non quixemos seguir sendo marionetas e estamos satisfeitos con esta alianza, pero nalgún punto chegamos a pensar que o PSOE estaba negociando a súa investidura cun tema tan serio”, denunciou o portavoz de En Comú Podem Xavier Domènech.

“Trátase dun grupo plurinacional de organización confederal para traballar de igual a igual. Enfronte había nula vontade política por parte de organizacións que apoiaron outras forzas e aplicaron un dobre raseiro. Foi a proba definitiva de que non era unha cuestión legal senón unha excusa”, engadiu o portavoz de Podemos, Íñigo Errejón.

A Agrupación Parlamentaria En Marea, integrada no Grupo Plurinacional en pé de igualdade co resto das forzas, suporá na práctica que Galicia e os seus intereses teñan voz propia no Congreso dos Deputados e a cidadanía galega estea representada: portavocía propia, participación en debates, axenda propia, entidade xurídica e independencia política e económica.

Dende En Marea lamentamos que a Mesa do Congreso non teña estado á altura da súa responsabilidade e que priorizara intereses partidarios fronte á vontade expresada polo pobo galego nas eleccións do pasado 20D.

A portavocía da Agrupación Parlamentaria En Marea, que será rotatoria, corresponderá inicialmente a Alexandra Fernández.

PRENSA EN MAREA