En Marea: “Temos que auditar o concerto con Povisa e estudiar os incumprimentos que están a acometer”

En Marea mantivo un encontro en Cangas coa Plataforma SOS Sanidade e representantes sociais da Comarca.
Publicado por o día 22/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,En Marea,Sanidad,Vigo

En Marea: “Temos que auditar o concerto con Povisa e estudiar os incumprimentos que están a acometer”

A Escola Vella de Hío en Cangas acolleu esta tarde un novo encontro coa veciñanza, esta vez para expor as iniciativas de En Marea en materia sanitaria e de políticas sociais. A deputada e candidata por Pontevedra, Eva Solla, sinalou nesta xuntanza que vimos de presenciar, nos anos de goberno de Feijoo unha mudanza no modelo sanitario, que antes estaba centrado na prevención e na promoción da saúde, e agora cambiou a un modelo centrado no negocio da enfermidade.

Eva Solla destacou que o prioritario é reordear a área sanitaria e para iso precisamos da colaboración de toda a cidadanía. Unha das necesarias actuacións é auditar o concerto con Povisa, e estudiar os incumprimentos que se están dando por parte da xerencia do centro hospitalario privada que a inxección de cartos públicos que está a recibir non están revertendo nas usuarias, senón nos beneficios do propio
hospital, ou cando menos, na área privada do mesmo.

Asemesmo, Eva Solla destacou a mala xestión levada da cabo pola Consellería de Sanidade no tocante á demanda social da construcción dun novo centro de saúde na parroquia canguesa do Hío, xa que por unha banda se gastaron os cartos na compra dos terreos e na elaboración do proxecto da obra, que nunca se levou a cabo, e pola outra se tivo que gastar en acondicionar outro edificio para ser utilizado como centro de saúde.

Neste encontro tamén participou a candidata Paula Quinteiro, quen sinalou que o prioritario para En Marea no eido sanitario é reverter as privatizacións do Sergas, empezando polo Hospital Álvaro Cunqueiro. Quinteiro tamén insistiu na necesidade de revisar os concertos con hospitais privados como Povisa, porque a medio e longo prazo “queremos prescindir dos servicios prestados desde a empresa privada. A candidata de En Marea finalizou o seu discurso sinalando que En Marea defende unha sanidade pública, universal e de calidade, atravesada pola perspectiva de xénero, xa que é imprescindible, dixo, que se conte con nós, as mulleres.  Finalmente, destacou que aínda que chegamos ao Goberno da Xunta, a mobilización debe seguir sendo importante.
O candidato número 8, Mariano Abalo destacou nesta xuntanza que a prioridade de En Marea é cambiar o goberno na Xunta de Galicia, e a partir dos orzamentos cos que se conten ver que prioridades hai que marcar.

No encontro de Cangas tamén participou o candidato Manuel Moreira quen sinalou que sendo o lema de En Marea, #UnPaísXusto, isto non pode habelo sen unha sanidade pública e universal. Para iso unha das prioridades é derogar o decreto de 2012, xa que todas temos dereito a unha sanidade pública e equitativa. Moreira insistiu na negativa de En Marea aos copagos pola prestación farmacéutica e destacou que é mentira cando o PP sinala que se aforraron 15 millóns de euros en pago farmacéutico, o único que variou foi o sitio de onde sairon eses cartos, non do erario público senón dos petos dos xubilados e dos enfermos de longa duración.

Finalmente Moreira dixo que a situación que “nos imos atopar cando cheguemos para asumir o Goberno da Xunta de Galicia vai ser desastrosa, debido a mala xestión do señor Feijoo nos últimos 7 anos, e temos que artellar un modelo de sanidade participativa, na que a cidadanía se implique, axudando a marcar os criterios de necesidade e de urxencia á hora de ir acometendo cambios no sistema sanitario galego.

O acto estivo presentado polo Concelleiro de Servicios Sociais e de Sanidade de Cangas, Tomás Hermelo