En Marea traslada ao Goberno a preocupación pola crecente emigración da mocidade galega e demanda medidas conxuntas para freala

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, acusa á Xunta “de non facer nada, e ao Goberno central de incentivar a marcha da mocidade galega polas demoledoras reformas laborais”.
Por o 11/07/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política
En Marea traslada ao Goberno a preocupación pola crecente emigración da mocidade galega e demanda medidas conxuntas para freala

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha batería de preguntas no Congreso para trasladarlle “a preocupación de En Marea pola crecente emigración galega interrexional e a países do estranxeiro, especialmente da mocidade”.

Mocidade formada na Galiza que colle a mala para outras partes do estado

Perante os dados estatísticos do INE que indican que unhas 14.000 persoas, sobre todos mozos e mozas, marcharon de Galiza no ano 2016 a outras partes do estado. Unha emigración que se produce sobre  todo entre as xeracións mozas. Estáse a marchar o capital humano formado que constitúe en calquer pais do mundo o seu futuro”. E contrariamente ás consideracións que fan “destacados membros do Goberno do PP, a emigración masiva de xóvenes non se  produce polo “espíritu aventureiro. Non se debe ás gañas de viaxar senón que é emigración forzada por causas económicas, na procura dun  traballo digno”.

A emigración “interrexional” silénciase 

O deputado de En Marea afirma que “a Xunta nada fai ante esta situación da que tamén é corresponsábel o Goberno do Estado debido ás súas demoledoras reformas laborais, a precarización e ás condicións de traballo indignas que están a agravar a emigración galega”.

O deputado puntualiza que hai “unha clara incapacidade das Administracións competentes para reter á mocidade formada e cualificada. Alerta Miguel Anxo Fernán Vello do medre da emigración a outras partes do estado, denominada emigración interrexional. “Un fenómeno silenciado e opacado como se non se tratase de emigración”.

Alude a estudos como o da USC que conclúen que “a precariedade contractual dos titulados, o seu escaso estímulo salarial, a ausencia de emprego de calidade quedan constatadas como causas da expulsión de man de obra cualificada. Galiza exporta a súa mocidade após de formala. Todo un escándalo que nin á Xunta nin ao Executivo central parecen preocuparlle”.

O deputado de En Marea insta ao Goberno a analizar o aumento da emigración da mocidade galega en colaboración coa Xunta para adoptar medidas que frenen “unha situación  que é un desastre para o pais”. Precisamente pregunta ao Executivo de Rajoy se “lle interesa manter esta situación de “exportar” mozos e mozas formados”. “Abordouse na UE o problema demográfico, que a emigración agrava, de territorios como Galiza? Que estratexia se marcou a UE nesta cuestión?”.