En Marea traslada o seu total apoio ás reivindicacións dos estibadores

Acusa ao goberno de querer precarizar as condicións laborais destes traballadores a base de decretazo.
Publicado por o día 01/03/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea traslada o seu total apoio ás reivindicacións dos estibadores

Deputados e deputadas de En Marea no Parlamento e no Congreso, e da Marea de Vigo reuníronse esta mañá co comité SAGEP de Vigo para coñecer de primeira man a situación e as reivindicacións dos traballadores


Desde o sector aseguran que “trátase dun ERE encuberto do Estado“ e por iso a partir do luns exercerán o seu dereito á folga“

En Marea amosou o seu apoio aos estibadores e as súas reivindicacións contra a liberalización que pretende impor o goberno estatal. Esta mañá tivo lugar unha xuntanza en Vigo na que participaron a vicevoceira parlamentaria de En Marea, Carmen Santos, a deputada Paula Quinteiro, o deputado Juan Merlo, a deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, o portavoz do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, e os membros do comité SAGEP de Vigo, Álvaro Valiño e José Cotón de Coordinadora, Manuel Río e Rafael de UGT, e Eduardo Collazo e José Manuel Rodríguez de CCOO.

A deputada no Congreso, Alexandra Fernández, asegurou tras o encontro que puideron comprobar a vontade clara de negociación por parte dos estibadores, para manterse na mesa de negociación ata o último momento. Algo que pola contra non acontece por parte do Ministerio de Fomento “cunha clara falla de compromiso co diálogo”, declarou a parlamentar. En Marea no Congreso instaba xa a semana pasada a abrir esa vía de diálogo imprescindible para acadar un consenso e “non a vía Decretazo”, como empregou o Ministerio“.

A viceportavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Carmen Santos, incidiu en trasladar o total apoio do grupo parlamentario aos traballadores da estiba e considerou inaceptable como está a xestionar o Partido Popular a situación que supón unha inxustiza social e provoca a diminución de dereitos laborais destes traballadores. O grupo rexistrará distintas iniciativas no Parlamento galego para instar ao goberno de Núñez Feijóo para “que faga valer a súa tan repetida maioría absoluta ante os seus compañeiros en Madrid“. “En Marea non vai tapar actuación do goberno e loitaremos contra esta inxustiza nun sector estratéxico como é a estiba“ concluíu Carmen Santos.

O portavoz do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, lembrou que xa o seu grupo ten rexistrada unha moción en apoio aos traballadores. Considerou importante dar visibilidade a estiba en pleno coa intervención en pleno da persoa que o sector considere como outros colectivos teñen feito e co obxectivo de lograr a implicación de todas as forzas municipais contra un problema “serio“. Así mesmo amosou o seu total rexeitamento as declaracións do presidente da Autoridade Portuaria que cualificou de “irresponsables“ sobre todo unha persoa que ten xa diversos problemas derivados da súa xestión. “Os primeiros que teñen que intentar que o Goberno non aprobe este decreto son empresas como PSA como empresa q utiliza os servizos de estiba no porto de Vigo e que saben o que se está a xogar o sector na nosa cidade xa que o motor económico tamén require que os traballadores non sexan desregulados e non precarizar un sector que funcionaba de xeito exemplar“ afirmou Rubén Pérez que pediu ao tempo o pronunciamento do Concello de Vigo a favor dos traballadores.

Manuel Rio, presidente do comité de empresa SAGEP de Vigo pola súa banda salientou que os estibadores non reciben nin un euro do Estado senón que son unha empresa privada e que o salario que cobran é marcado pola negociación colectiva polo que non entenden a “criminalización que están intentando facer por ter un traballo digno e unhas condicións boas“. O decreto aseguran non ten nada que ver coa sentenza do Tribunal europeo senón que vai moito máis alá. “Trátase dun ERE encuberto del Estado co que non estamos de acordo e por iso a partir do luns imos exercer o noso dereito a folga“ sentenciou.

En Marea anunciou xa o seu voto en contra deste Decreto que previsiblemente virá ao pleno do Congreso dos deputados da vindeira semana, tanto polas formas como polo fondo xa que En Marea está en contra da liberalización dos sectores estratéxicos, entre eles a estiba. Os representantes de En Marea lamentaron a incapacidade do Ministerio que mentres noutros países da Unión Europea estase chegar a acordos o Goberno do PP no Estado semella ser incapaz de facer o propio en España.